Do 09/07 ao 29/08 do 2021

Camiño Longo

Exposición de pintura, debuxo e cerámica de Xosé Luís Seara. Ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Comeza: 09/07/21 | 11:30 | Remata: 29/08/21 | 21:00

Onde: Pazo Torrado | Cambados | Pontevedra

Volver

Vencellado aos movementos artísticos galegos de finais dos 70 e principios do 80 do século XX, Jose Luis Álvarez Seara, (Arcade, Pontevedra, 1957), conta cunha longa e afianzada traxectoria artística. É un artista polifacético que ten traballado como debuxante, gravador, cartelista, deseñador de portadas de discos e nas artes escénicas e audiovisuais. Con todo é máis coñecido como pintor e os seus cadros viaxaron por diversos países e formar parte dalgunhas das máis importantes coleccións en Galicia.

Sobre a súa obra, escribiu José Baamonde: “A cabalo entre o primitivismo simbolista e a pintura expresionista europea presenta as súas creacións cun cromatismo velado, traballando con pigmentos sobre lenzos en ocasións sen bastidor, dispostos coma tendais pendurados, ou rolos de papel de longas dimensións que, a modo de tapices, son cravados á parede e nos que o espectador-observador pode ver neles aromas orientalizantes”.

“Tamén o omnipresente e repetitivo motivo arbóreo, coas súas ramificacións, que coma liñas das mans, falan desa metáfora da vida, que se bifurca ou que se une, dunha forma as veces caprichosa ou azarosa por ese peregrinar polo camiño que Pedrayo, Tolstói, Machado e a Biblia fan referencia, e como non, ese camiño longo que cantaba o cambadés, o poeta da raza, o bardo de Fefiñáns, Ramón Cabanillas, referencia obrigada para o artista e a súa relación que comezou na súa xuventude co ambiente artístico da nosa vila”.

Actividade realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. De 9 de xullo a 29 de agosto, no Pazo Torrado (Cambados)

Horario:

Martes a Venres: 11:30 a 13:30 e 18:00 a 21:00 horas

Sábados, Domingos e festivos: 18:00 a 21:00 horas.

Luns: pechado

  • Exposición
  • Entrada de balde
  • S.X. de Política Lingüística