Do 25/09 ao 25/09 do 2021

Rilla rilla

Un espectáculo dinámico onde o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento.

Comeza: 25/09/21 | 18:00

Onde: Casa da cultura (Ribeiras de Lea) | Castro de Rei | Lugo

Volver

Donas e cabaleiras, señoras e señores, picarada toda... benvidas ao concurso sobre a lingua onde apañamos as palabras coma se fosen berberechos, onde o rotacismo forma parte da banda sonora e o seseo nos ha facer viaxar entre valumada. Se non oístes falar do cínefre, ou non sabedes o que é un día de garabullos, se nunca se pousou en vós unha lagáchima, andade atentas! Abride ben os ouvidos e deixádevos levar por esta música de salitre. Remangade ben o pantalón, que para apañar palabras é preciso mollar os pés! Preparádevos para recoller eses vocábulos que case nunca medran nos libros. Se queredes saber o que significa rilla-rilla, poñede atención... O espectáculo vai comezar!

Rilla rilla é un espectáculo da compañía Xarope Tulú, dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos, que persegue poñer de manifesto a variedade dialectal do noso idioma. A través do relato irémonos mergullando nun mundo de rotacismos, un lugar con idiosincrasia propia que estivo aí sempre e ao que poucas veces lle puxemos atención. As ondas e o salitre hannos levar ao lugar das palabras esquecidas. Rilla rilla é un espectáculo dinámico onde o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento.

O programa de dinamización lingüística FalaRedes levará Rilla rilla a 4 entidades da Rede de Dinamización Lingüística: as ADR Comarca de Ordes e Comarca de Ourense e os concellos de Castro de Rei e Lalín.

  • Espectáculo
  • Teatro
  • S.X. de Política Lingüística