Volver

XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a décimo segunda edición do proxecto didáctico encamiñado á realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio galego nos centros escolares de Galicia.

O ámbito temático abranguerá un ou varios destes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte da contorna inmediata do centro. Un capítulo ou alínea do traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía...) relacionado co tema proposto. Valoraranse as accións que fomenten a educación en igualdade e/ou o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado cos camiños de Santiago.

Poderán participar os centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas de educación primaria, ESO ou bacharelato.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria como proxecto de innovación educativa.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 15 de maio de 2020.