Volver

Convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares non universitarios

Orde do 24 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PL400B).

Liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería destina durante este ano 200.000 euros.

O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas mercantís do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e favorecer o tecido da industria editorial galega. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.

As empresas editoriais que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria poderán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta dende o día 7 de maio ate o 7 de xuño.

O prazo de xustificación remata o día 30 de setembro de 2024. Os materiais presentados deberán ter un depósito legal posterior ao ao 31 de decembro de 2022. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

Como consecuencia da aplicación do Regulamento (UE) 2023/2831, implica que a empresa beneficiaria, como única empresa, de conformidade coa definición outorgada no artigo 2.2 daquel, non pode percibir axudas de minimis concedidas por un Estado membro por un importe superior a 300.000 euros durante os tres anos anteriores á data de concesión da presente subvención.