Volver

Vai de Letras

A Consellería do Mar,dentro da campaña Vai de Peixe de promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos, organiza un concurso de relatos curtos en galego baixo o nome de Vai de Letras.

Vai de Letras xa ten gañadora. Trátase de Navia Rivas de Castro, que presentou o seguinte texto:

Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero Aira sabía ben que nada funciona así. Desde pequeniña observaba atentamente a súa nai limpar peixe durante horas na praza para os clientes. Aira era imposible de enganar. Sabía que, se o peixe non ten espiñas, é porque alguén traballou arreo para quitarllas.

E na vida, tamén. Para saber erguerse, hai que saber caer. Para saber rir, tamén hai que saber chorar. Para perseguir un soño, hai que soñar moi alto e escalar, non renderse ante as pedras do camiño. Aira sabíao ben, aprendeuno da súa nai.

Nunca mirou atrás. "A vida leva espiñas", pensaba. Cando a xulgaban por ser diferente, pensaba: "Espiñas". Cando cometía un erro, pensaba: "Espiñas".

Hoxe Aira sorrí e pensa: "A vida? Eu quéroa como quero o mar: inmenso."

Esta acción está dirixida a mozas e mozos entre 18 e 35 anos residentes en Galicia que, para participar, completaron este texto de inicio: "Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero..."

Os relatos non podían superar as 150 palabras engadidas á frase inicial, á que se podía acceder a través das redes sociais e da web de Vai de Peixe. Tiñan que estar escritos en lingua galega e xirar arredor da temática desta campaña. O prazo de participación comezou ás 13:00 horas do 13 de maio e rematou o día 28. Na selección do gañador valorarouse a orixinalidade, calidade lingüística e de redacción e a aproximación á temática. A persoa premiada recibirá un lote de libros e un teléfono móbil intelixente.