Volver

Neofalantes.gal

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran nun novo proxecto dixital que, a través nas novas tecnoloxías, busca avanzar no estudo do neofalantismo e poñer en valor as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía.

A iniciativa, impulsada polo grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, analiza como está a ser o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao idioma propio de Galicia. Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás.

Iniciado a finais do 2021, este proxecto será desenvolvido ata 2023 en tres fases. Na primeira delas, deseñouse un sitio web, neofalantes.gal, un portal de noticias xa activo que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego. O portal conta con varias seccións: sobre o mundo neofalante, sobre a actualidade da lingua galega, sobre investigacións lingüística, sobre polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais, contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo nas máis atractivas para a mocidade, como son Instagram e TikTok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.

Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego. Unha rede que, segundo as previsións, estará activa a finais deste ano.

Xa nunha terceira fase, que se levará a cabo no 2023, a web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente no mundo lusófono, a través da lingua galega.