Volver

Axudas a proxectos de fomento do uso do galego en centros públicos

ORDE do 2 de xuño de 2020 pola que se deixan sen efecto as bases e as convocatorias das axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública e privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (códigos de procedemento PL500A e PL500B), como consecuencia do peche dos centros educativos por causa do COVID-19

NOTA ACLARATORIA:

A situación excepcional xerada pola crise sanitaria do COVID-19 provocou a suspensión da actividade lectiva presencial en todos os centros educativos desde o 13 de marzo de 2020. Isto supuxo que a maioría das actividades previstas nos proxectos de fomento do uso do galego que presentaron os centros públicos e privados ao abeiro das citades ordes non puidesen desenvolverse, pois implicaban a presenza e reunión de alumnado, e obedecían a un calendario que, loxicamente, resultou imposible de cumprir, pois só pasaran dous meses desde que se retomara a actividade tras as vacacións de Nadal ata a suspensión da actividade docente presencial. O que supuxo que a maior parte das actividades reflectidas nos proxectos non se puideron levar a cabo, polo que os centros non ían poder facer a xustificación de gastos que requiren as convocatorias.

De acordo con isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística viuse na obriga de propoñer que se deixasen sen efecto as citadas convocatorias de axudas para proxectos de fomento do uso do galego a través da Orde do 2 de xuño de 2020 (DOG do 11 de xuño).

Malia o anterior, e dado que o equipo técnico designado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística realizou o labor de valoración dos proxectos presentados, os Gabinetes de Normalización Lingüística de cada Xefatura Territorial da Xunta de Galicia poderán ter en conta os devanditos proxectos presentados para a vindeira convocatoria (curso 2020/2021), sen prexuízo das adaptacións ou modificacións que se precisen e que se presentarán por medio dunha addenda.

Así mesmo, preténdese que os centros non asuman aqueles gastos de actividades vinculadas especificamente aos proxectos do fomento do uso galego que se realizaron no período comprendido entre a reincorporación das vacacións de Nadal e o 13 de marzo (período lectivo presencial), así como, de ser o caso, aquelas que puidesen terse desenvolvido na etapa de ensino a distancia. Por iso, de contar con eses gastos, os centros poderán achegarlle ao Gabinete de Normalización Lingüística da súa provincia as xustificacións dos gastos efectuados na realización daqueles actividades propostas no proxecto que si que se puideron materializar.

 

 

Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento PL500A).


O prazo de presentación de solicitudes vai do 31 de xaneiro ao 2 de marzo de 2020.