Volver

Curso Celga 4 en liña

O curso Celga 4 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha no 2018 inicia un proxecto consistente na elaboración de cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. Esta nova versión facilita o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta, sexa cal for o seu lugar de residencia, a ocupación e o horario que teña.

Os obxectivos e contidos do curso Celga 4 en liña correspóndense cos do nivel C1 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para acadar este nivel, o curso emprega textos, arquivos de voz e vídeos nas diferentes actividades presentadas, de acordo coa pedagoxía que implica a colaboración, o papel activo do/a discente e a reflexión crítica.

Grazas a unha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado pode acceder ás 8 unidades do curso, cada unha delas dividida en catro bloques:

  • Comprender
  • Explorar e reflectir
  • Practicar e comunicar
  • Cultura

Nestes bloques, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades.

As unidades, organizadas arredor dunha tarefa principal, son as seguintes:

Unidade 1: E foi así como cho conto. Comezamos aprendendo a escribir a crónica dun acontecemento.

Unidade 2: E ti, que opinas? Agora imos levar a cabo unha asemblea popular.

Unidade 3: Valorarase a experiencia. Estableceremos as condicións para unha convocatoria pública.

Unidade 4: A vida é puro teatro. Escribiremos unha escena para unha obra de teatro.

Unidade 5: Dixeches que o farías. Aprenderemos nesta unidade a reclamar por algo co que non estamos de acordo.

Unidade 6: Lugares con encanto. Traballaremos sobre a redacción dun texto descritivo sobre algún lugar que nos guste.

Unidade 7: Antes de que sexa tarde. Crearemos unha campaña de concienciación social sobre algún tema de interese común.

Unidade 8: Vivir para traballar. O curso péchase cunha unidade na que escribiremos unha páxina de presentación para a web dunha empresa.

Facilidades para o profesorado

O curso Celga 4 en liña presenta diferentes funcionalidades que lle facilitan a cada titor ou titora a edición e a adaptación a diferentes formatos organizativos. En canto á avaliación, crea un rexistro completo dos accesos de cada persoa usuaria e dispón de informes da actividade de cada estudante, con gráficos e detalles sobre o seu paso por cada módulo (último acceso, número de veces que o leu...) así como tamén unha detallada historia da participación de cada estudante, incluíndo mensaxes enviadas, entre outras funcionalidades. En todo caso, o profesorado ten a capacidade de definir as súas escalas para cualificar.

Os cursos pódense empaquetar nun único ficheiro zip utilizando a función Copia de seguridade, de maneira que poida ser restaurada en calquera servidor.

Requisitos técnicos para acceder ao curso

As persoas que desexen acceder aos contidos do curso deben dispoñer do seguinte equipamento informático:

  • Un ordenador con acceso a Internet
  • Conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación)
  • Micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz