Ver todos os autores

1969 - Antonio Noriega Varela

Malia ter desenvolvido traballos de investigación relacionados co noso léxico, sobresae especialmente a faceta do Noriega Varela poeta, con obras como Montañesas ou D'o ermo.

Antonio Noriega Varela nace en Mondoñedo en 1869. Comezou a carreira eclesiástica aos catorce anos, no seminario da vila natal. Nel fíxose popular grazas á súa habilidade para idear composicións de carácter humorístico e satírico e comezou a escribir poemas en castelán. Tras deixar a carreira eclesiástica fíxose mestre. En 1901 comeza a exercer en Foz, onde entra en contacto co agrarismo e o movemento anticaciquil da man de Antón Villar Ponte. Así, colaborou na revista satírica Guau...Guau!, para a que escribiu varios poemas de corte cívico.

En 1904 publica o seu primeiro libro, Montañesas. Un poemario costumista no que se suceden as composicións líricas de diálogo coa natureza. As súas filiacións políticas propiciaron o seu traslado a Calvos de Randín e, posteriormente, a Trasalba. Neste último destino tivo a oportunidade de trabar relacións con escritores e pensadores portugueses, así como con varios membros do Grupo Nós. Publica ao longo deste período A Virxe i a paisaxe -1914-, unha compilacións de cancións populares, e D'o Ermo -1920-. Nas súas sucesivas edicións -ata 1946- foi incluíndo novos poemas.

Con 57 anos obtivo un destino definitivo como mestre e instalouse en Abadín, retomando os contactos da mocidade. Alí foi nomeado membro da Real Academia Galega -1927- e deu ao prelo Como falan os brañegos -1928-. Unha compilación de ditos, frases e adiviñas populares froito da boa relación que Noriega mantiña cos labregos da zona. Xa en 1930 solicita por motivos de saúde un traslado que o leva a Viveiro, o seu derradeiro destino como docente.

Durante a guerra civil o autor incrementaría a súa produción en castelán para retomar a nosa lingua ao seu remate. Dende o seu retiro, e ata a súa morte en 1947, Noriega Varela viviría unha etapa de fondo pesimismo. A súa obra reflicte a predilección por temas da inspiración clásica, como a montaña lucense e as súas xentes. En toda ela están presentes as súas crenzas tradicionalistas e conservadoras, que o mantiveron afastado do galeguismo.