Volver

21 días co galego e +

Bota a andar a segunda edición de 21 días co galego e +, un programa impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. A súa finalidade é promover o uso do galego oral entre a xente nova.

Esta programa de dinamización lingüística nace para que a xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas e que, alén diso, analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A súa singularidade reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e en levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se desenvolveu desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da SXPL. Desde o 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.

En 2020, o programa continúa a súa expansión e abrangue os dez centros seguintes:

  • IES As Lagoas, de Ourense
  • IES Afonso X O Sabio, de Cambre
  • IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño
  • IES Ánxel Fole, de Lugo
  • IES Arcebispo Xelmírez I, de Santiago de Compostela
  • IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense
  • CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida, da Coruña
  • IES Illa de Ons, de Bueu
  • IES de Poio, de Poio
  • IES de Vilalonga, de Sanxenxo

Participan nesta ocasión 3.877 adolescentes da ESO, de bacharelato e de FP, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, que se comprometen a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no proceso, pero o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade. Así mesmo, o labor dos equipos de dinamización da lingua galega tamén resulta imprescindible para levala adiante

A intención do programa é chegar mediante a dinamización lingüística a toda a sociedade, non só á comunidade educativa de cada centro senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo e a todas aquelas ás que se pode chegar hoxe en día a través da rede mediante a presenza en webs redes sociais.

As novidades desta edición residen no notable incremento de centros, na procura dunha maior interacción coas familias e no desenvolvemento dunha experiencia piloto no IES Arcebispo Xelmírez I, consistente en que o reto se canalice cada semana a través dunha materia distinta, para amosar que a dinamización da lingua non é só responsabilidade do profesorado de galego senón tamén do doutras áreas do saber e, xa que logo, de toda a sociedade.

Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aumentou o apoio ao proxecto cunha dotación específica e obradoiros de creación de vídeo en todos os institutos, que complementan a achega de material divulgativo e o encontro final na Cidade da Cultura, onde o alumnado e o profesorado poderán confraternizar e amosar os seus produtos educativos.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e + (blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/), onde se mostrarán as creacións dos centros participantes.