Ver todos os autores

1999 - Roberto Blanco Torres

Roberto Blanco Torres, poeta e xornalista, incorporou á súa obra as correntes vangardistas. Asasinado en 1936 por unha gavela falanxista, desennvolveu un importante labor en medios de corte agrarista, anticaciquil e galeguista.

Roberto Blanco Torres naceu en Cuntis en 1881. Poeta e xornalista, comprometido coa causa democrática, tomou parte no quefacer do galeguismo republicano dende as páxinas de xornais como A Nosa Terra, Galicia Nova, La Zarpa, El Pueblo Gallego ou El País, entre outros, e na actividade cultural das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a Asociación de Escritores Galegos. De formación autodidacta, grande afeccionado á lectura e de salientable inquietude intelectual, emigrou con quince anos para Cuba. Alí comezou o seu labor xornalístico, fundando xornais como La Alborada -1911- e La Tierra Gallega -1915-. Ademais coñeceu e relacionouse con galegos ilustres como Curros Enríquez, Cabanillas, Antón Vilar Ponte e o líder agrarista Basilio Álvarez, fundador de Acción Gallega. De volta a Galicia, reflectiu no papel a súa visión como xornalista dos movementos sociais da altura, como o agrarismo ou o propio galeguismo.

É autor de dúas obras en vida. A primeira, aparecida en 1929, o seu poemario Orballo de media noite, de grande modernidade e influencia nas letras dos anos trinta. E a segunda, unha escolma de artigos xornalísticos titulada De esto y de lo otro, publicada en 1930. O levantamento militar de 1936 sorprendeuno na súa casa da Peroxa, onde foi detido. Encarcerado en Ourense primeiro e trasladado a Celanova a seguir, acabará por ser asasinado na beira dunha estrada rural nunha noite calquera do outono dese fatídico ano 36. Tiña corenta e cinco anos.

Blanco Torres atinxiu en vida, a través do seu inxente traballo xornalístico e mesmo poético, gran celebridade como pensador de esquerdas, colaborador en numerosos medios con outras personalidades como Castelao, Cabanillas, Lustres Rivas, Paz Andrade,... De aí a importancia fundamental de recuperarmos a súa memoria.