XOSE MARÍA DÍAZ CASTRO
Letras Galegas no mundo
Por iniciativa da Secretaría de Política Lingüística, varios centros de estudos galegos con sede en universidades de Europa e América asumiron, a modo de actividade de aula, a tarefa da tradución do libro de poemas Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, o autor a quen está dedicado o Día das Letras Galegas deste ano 2014.
Iníciase este proxecto coa proposta de tradución deste poemario ao italiano que realizaron os alumnos e alumnas do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Padova (Italia), que dirixe o profesor Giovanni Borriero e no que é lectora a profesora Gemma Álvarez Maneiro.
Abrimos esta ventá con vistas ao mundo enteiro co ánimo de difundir os mellores exemplos da literatura galega fóra das nosas fronteiras administrativas, aproveitando as posibilidades que nos ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación. En datas próximas, iranse incorporando a esta web as traducións de Nimbos a outras linguas. Animámosvos a visitala con asiduidade á procura de novidades.