Ver todos os autores

1964 - Castelao

Símbolo do nacionalismo galego, loitador no exilio, Castelao plasmou na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra.

Afonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en 1886 en Rianxo. Aos once anos marcha emigrado a Arxentina. Á súa volta retoma o Bacharelato e cursa estudos de Medicina. En 1910 comezaría a traballar como médico na súa vila, mergullándose na política local. Esta profesión non conseguía satisfacelo e en 1914 unha crise de cegueira precipitou o seu afastamento da mesma. En 1916 obtén unha praza de funcionario no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra. Comezaba daquela unha etapa na que Castelao se convertiría no principal referente da arte galega.

O seu labor centraríase no eido da creación plástica, a través de cadros e caricaturas -Nós-, mais tamén son anos de reflexión sobre as relacións entre a Arte e a Terra, que exporá na conferencia Arte e galeguismo -1919- e que callarán definitivamente despois da viaxe que en 1921 realiza por Europa -Diarios de Arte-. A partir deste momento a plástica facilitará a súa entrada na literatura con obras como Cousas da vida -1922-, Cousas -1929-, Os dous de sempre ou Retrincos -ambos os dous, do 34-.

Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, o Castelao político súmase ao artista. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes, e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano contribuiu con numerosos mitins por todo o país á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Con todo, en 1934 é desterrado a Badaxoz. Retorna a Pontevedra, e nas eleccións xerais de 1936 consegue o escano co maior número votos de toda Galicia. Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que plasma nos álbumes de guerra -Galiza mártir, Atila en Galiza, Milicianos-, de grande difusión internacional.

Símbolo do nacionalismo galego, desenvolveu unha actividade continua no exilio, reorganizando as comunidades galegas coa esperanza de que caese o réxime franquista. Polo que respecta á súa produción, abandoados o debuxo e a pintura pola súa cegueira, concéntrase na publicación da súa principal obra política Sempre en Galiza. Nos primeiros meses de 1949 un cancro no pulmón afástao da actividade pública. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Bos Aires.