Ver todos os autores

1973 - Manuel Lago González

Os estudos eclesiásticos de Lago González, que chegaría a ser arcebispo de Compostela, marcaron a súa obra poética, na que impuxo a rixidez da norma e o canon fuxindo de innovacións.

Manuel Lago Gonzalez nace en Tui en 1865. Será alí onde estude a carreira eclesiástica, realizando trece cursos en dez anos coas mellores calificacións e premios. Comeza a escribir aos catorce anos, e só dous máis tarde recibiría xa as súas primeiras distincións académicas. En 1887 desempeña a cátedra de Grego e Hebreu no Seminario de Tui onde, un ano máis tarde, recibiría as Ordes Maiores.

Na súa cidade natal contribuiu a crear o diario La Integridad -1888- e participou nos famosos Xogos Florais de 1891 co discurso Gabanza da lingua galega. En 1896 trasládase a Lugo para desempeñar a Cátedra de Teoloxía do Seminario e gaña por oposición unha praza de cóengo na catedral desta cidade, da que en 1899 pasou a lectoral. Xa en 1906 ingresa na Real Academia Galega co discurso Elogio de la lengua gallega. Foi nomeado bispo de Burgo de Osma en 1909. De alí pasou a Tui e en 1923 marcha como arcebispo a Compostela.

Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e poeta, eido este último no que destacou especialmente. Con todo, as súas composicións non se caracterizan pola innovación. Era pois un creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levábao ao uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas.

Os principais eixos temáticos da súa obra serán a natureza, as lembranzas da mocidade coa cidade natal e as súas xentes, algúns motivos histórico-narrativos e os relixiosos. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.

O conxunto das súas poesías galegas -sesenta e dúas- foi recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitas delas manuscritas ou ciscadas en periódicos da época como La Integridad, El Norte de Galicia ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán.