Ver todos os autores

1988 - Ramón Otero Pedrayo

Home dunha amplísima cultura, Otero Pedrayo integrou xunto a Risco, Castelao e Losada Diéguez o denominado Grupo Nós. Promoveu a consolidación da nosa prosa, así como o iniciador dun novo teatro en galego.

Ramón Otero Pedrayo nace en 1888 en Ourense, no seo dunha familia burguesa. Tras cursar Dereito e Filosofía e Letras en Madrid volta á cidade natal, onde se integra no Ateneo dinamizando o ambiente cultural xunto a Risco, Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con eles dará os seus primeiros pasos na literatura, intervindo na redacción da revista La Centuria -1917/18-.

A instancias de Antón Losada Diéguez, o grupo vencéllase ao galeguismo. Tras gañar as oposicións a cátedras de ensino medio, en 1919, dedícase ao cultivo das nosas letras nos eidos máis diversos. Colabora en diferentes xornais e revistas e desenvolve unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas, home libre -1925-, á que seguirán Os camiños da vida, Arredor de sí ou A romaría de Xelmírez. Tamén cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario.

Participa na fudación do Partido Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes Constituíntes. Ao comezar a guerra civil, malia o seu talante conservador e relixioso, é expedientado e cesado como catedrático de instituto. Recuperaría o posto en 1949, gañando un ano máis tarde a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que entregará a colección de relatos Entre a vendima e a castiñeira e numerosos traballos publicados na revista Grial.

En Compostela vive ata 1958. Á súa morte en Trasalba, en 1976, era considerado de xeito unánime o patriarca das letras galegas. Otero Pedrayo é o principal consolidador da nosa prosa e o iniciador dun novo teatro en galego. Chegou a revolucionar este último eido con creacións -A lagarada, Teatro de máscaras, O desengano do prioiro...- só representables na actualidade grazas aos modernos medios audiovisuais.