Ver todos os autores

1990 - Luís Pimentel

Encadrada nas vangardas e marcada por un clima de intimidade, a obra de Pimentel sintetiza diversas correntes, como o impresionismo ou o simbolismo.

Luís Vázquez Fernández, coñecido como Luís Pimentel, nace en Lugo en 1895. Alí entra en contacto con intelectuais vencellados a diversos eidos artísticos, como a pintura, a música ou a literatura. Xa en 1914 desprázase a Compostela para estudar Medicina, onde asina os seus primeiros versos en español -Mi pequeño deseo, 1918-. Neles quedan patentes algunhas claves da súa futura obra, como a casa, a paisaxe, o ámbito recolleito ou o acougo desexado.

En 1922 trasládase a Madrid para realizar o doutoramento. Participará do ambiente cultural da cidade, sobre todo na Residencia de Estudiantes, onde coincide con figuras da xeración do 27 como Lorca, Buñuel ou Dalí. De volta a Lugo creará a sección "De mi Tagebuch" na revista Ronsel, na que publica prosas e poemas en castelán. Malia exercer como médico no Hospital Municipal, mantén a súa relación co mundo artístico e literario asistindo a tertulias e colaborando con publicacións periódicas como El Progreso, Garcilaso ou Espadaña. Ademais, chegaría a relacionarse fortemente co grupo Galaxia.

A figura de Pimentel ten suscitado diversas polémicas. Unha das máis intensas, a que cuestiona a conveniencia de clasificalo como autor das nosas letras, cando escribiu a meirande parte da súa obra en castelán. Malia elo, moitos dos seus versos serían traducidos ao galego por amigos como Ramón Piñeiro ou Fole e o seu único libro publicado en vida, Triscos -1950-, empregaría tamén a nosa lingua. A esta seguiríalle, en 1959 o poemario póstumo Sombra do aire na herba, considerada a súa obra cume e o libro en castelán Barco sin luces -1960-. Xa en 1981, o volume Poesía enteira recollería os seus traballos inéditos ata o momento. Nel atopamos o poema galego Cunetas, espello do horror e a crueldade da guerra, moi presentes nas composicións do autor.

A obra de Pimentel encádrase nos movementos das vangardas, malia non adscribirse de xeito estrito a ningún deles ao sintetizar diversas correntes como o impresionismo ou o simbolismo. A súa poesía recrea un clima de intimidade e recollemento a través da reflexión melancólica e, por veces, angustiada. O autor falecería no Lugo natal, en 1958.