Ver todos os autores

1991 - Álvaro Cunqueiro Mora

Cunqueiro revolucionou o panorama literario galego co emprego dunha lingua culta e vangardista enfocada dende a oralidade. A súa obra mestura a poesía, prosa, teatro, ensaio e xornalismo.

Álvaro Cunqueiro Mora-Montenegro naceu en Mondoñedo en 1911. Estuda Bacharelato en Lugo e Filosofía e Letras en Compostela. Alí traba amizade con escritores e artistas da súa xeración, coñece a obra dos vangardistas -que deixarían pegada nos seus primeiros poemarios- e simpatiza co Partido Galeguista.

En Mondoñedo participa do movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións vencelladas ao ambiente vangardista da época -Papel de color, Galiza, Editorial Un-. Inicia asemade a súa obra poética, con obras como Mar ao Norde -1932-, Cantiga nova que se chama Ribeira -1933- e Poemas do si e do non -1933-.

Tralo estalido da guerra, comeza o seu labor nos medios de comunicación, que o levará ata Madrid. En 1944 o réxime retíralle o carné de xornalista e vese obrigado a voltar a Mondoñedo. Nesta época escribiría as súas obras narrativas fundamentais, como Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre ou Si o vello Simbad volvese ás illas. Asina ademais varios libros de relatos -Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá- e pezas dramáticas como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca -1958-. Xa en 1960 retoma o seu labor xornalístico en El Faro de Vigo, publicación esta que chegaría a dirixir. Tres anos máis tarde ingresaría na Real Academia Galega. Nos últimos anos da súa vida -falecería en 1981- colleitou numerosos recoñecementos. Entre eles o nomeamento como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, en 1980.

A obra de Cunqueiro caracterízase pola superación do concepto tradicional dos xéneros. Nela harmonízanse a fantasía -da recreación de figuras e mitos- co pragmatismo, as esencias do mundo popular galego co eco intertextual. A lingua empregada, culta e vangardista, enfócase dende o punto de vista da oralidade, feito este que revolucionou o panorama literario galego. Xunto á súa actividade estritamente literaria e ao xornalismo asinou outros traballos, como conferencias, libros de viaxes e mesmo obras gastronómicas.