- Portada
- O galego...
- Coñecelo
- Día das Letras Galegas
Día das Letras Galegas
Manuel Lago González
Os estudos eclesiásticos de Lago González, que chegaría a ser arcebispo de Compostela, marcaron a súa obra poética, na que impuxo a rixidez da norma e o canon fuxindo de innovacións.
Valentín Lamas Carvajal
Lamas Carvajal, adscrito á Xeración de 1868, é un dos autores máis significativos do Rexurdimento pleno. Editou o diario O Tío Marcos da Portela, o primeiro escrito integramente en galego.
Gonzalo López Abente
Sen demasiado éxito en eidos como o teatro ou a prosa, a poesía de López Abente caracterízase pola sinxeleza e intimismo de obras como Nemancos ou Centileos nas ondas.
Marcial Valladares
Marcial Valladares foi, con Maxina ou a filla espúrea, o primeiro novelista das nosas letras contemporáneas. Cultivou asemade as facetas de narrador, lexicólogo, poeta e gramático.
Antonio Noriega Varela
Malia ter desenvolvido traballos de investigación relacionados co noso léxico, sobresae especialmente a faceta do Noriega Varela poeta, con obras como Montañesas ou D'o ermo.
Florentino López Cuevillas
Antropólogo e historiador, Cuevillas achegouse ademais ao ensaio e á narrativa de carácter literario. Considerado o primeiro sistematizador da prehistoria galega, contribuíu a espallar o uso do galego no eido científico.
Manuel Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez é, con Rosalía e Pondal, o terceiro gran poeta do Rexurdimento. A súa poesía, de marcado carácter cívico, converteríao en exemplo para posteriores autores de tendencia social.
Francisco Añón
Precursor do noso Rexurdimento, Francisco Añón sobresae pola súa obra poética, compilada de xeito póstumo. Exerceu ademais como xornalista, colaborando en numerosas publicacións.
Eduardo Pondal
Peza clave do Rexurdimento, Pondal encamiñou a súa obra cara á recuperación da lingua e a cultura galegas. Coa introdución de cultismos renovou a linguaxe literaria da súa época.
Castelao
Símbolo do nacionalismo galego, loitador no exilio, Castelao plasmou na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra.