Volver

AULA DE GALEGO 2. LIBRO DO PROFESORADO

Unidade 4. Mañá

Móstrelles aos estudantes as fotos da portadiña da unidade e pregúntelles en que sentido cren que se relacionan co título “Mañá”.

É bastante probable que entre as respostas xurdan ideas como as seguintes: dos nenos de hoxe depende o noso futuro; como serán estes nenos de maiores; en que cambiarán fisicamente; que cousas fan e deixarán de facer…

Se lle parece oportuno, móstrelles unha foto dun grupo de nenos pequenos (no que figure vostede) e pídalles que, en parellas, intenten identificalo. Despois de recoller as hipóteses de todos, déalles a solución e pregúntelles se cren que vostede cambiou moito ou non. Deseguida, pregúntelles se eles cambiaron moito fisicamente respecto a cando eran nenos e interésese en escoitar as súas respostas.

Por último, preséntelles os obxectivos da unidade: referirse ao futuro e expresar condicións e hipóteses. Ademais, dígalles cal será a tarefa final: imaxinar como serán dentro duns anos.