Volver

AULA DE GALEGO 2. LIBRO DO PROFESORADO

Unidade 10. Todos somos poetas

Pídalles aos seus alumnos que abran o libro na páxina 81 e pregúntelles onde cren que están estas persoas e que cren que están facendo

É probable que, relacionándoo co título da unidade, non teñan dificultades en contestar que a rapaza está lendo unha poesía, mentres que o home que está máis ao fondo a escoita. En canto ao lugar no que se atopan, pode ser unha sala ou calquera espazo no que se reúnen persoas afeccionadas á poesía para intercambiaren e declamaren os poemas que lles gustan ou que eles mesmos escriben. Se non chegan a estas conclusións, coméntellelas vostede.

A continuación, pregúntelles se lles gusta a poesía, se algunha vez participaron en algún encontro similar ou se coñecen alguén que o fixo. Anímeos a que participen da conversa e interésese pola información que queiran compartir.

Por último, coméntelles o contido da unidade e anúncielles cal vai ser a súa tarefa final: escribir unha poesía entre todos.