Volver

O galego no exterior

A difusión da lingua galega fóra das nosas fronteiras permite dar a coñecer no mundo a identidade e a cultura de Galicia, situándoa ao mesmo nivel ca os outros pobos de referencia internacional.

Esa posibilidade de compartir as nosas achegas culturais, particularmente o noso código lingüístico, constitúe unha porta de entrada no coñecemento doutras culturas e contribúe ao mesmo tempo a prestixiar entre os propios galegos a imaxe social da lingua, ao vermos o interese e o recoñecemento que produce no exterior. Americanos, fineses, xaponeses ou húngaros que, a partir da aprendizaxe do galego nos seus países, deciden vir coñecer Galicia e se dirixen aos comerciantes ou aos hostaleiros na nosa lingua xeran entre a poboación galega un efecto ben positivo de revalorización e autoafirmación lingüística.

Tamén é importante a posibilidade de lle ofrecer ao numeroso colectivo de emigrantes galegos e aos seus descendentes a posibilidade de afondar no estudo da súa lingua primeira e, a través dela, manter un contacto coa realidade da cultura das súas orixes. 

Por outra banda, o galego é hoxe unha lingua con presenza en institucións internacionais, como a Unión Europea, que permite comunicar de maneira oficial os nosos intereses individuais e colectivos a través da lingua propia.