Volver

ORIXE E BREVE HISTORIA

A Idade Media

 

Durante a Idade Media o galego foi a lingua de comunicación oral habitual de todos so estamentos sociais e, a partir do século XII, tamén foi gañando terreo con respecto ao latín nos usos escritos.

Na Idade Media, período de esplendor do galego, a nosa lingua cultivouse na lírica e na prosa literaria, administrativa, notarial, xurídica e relixiosa

  • Páxina do Códice rico das Cantigas de Santa María

    Páxina do Códice rico das Cantigas de Santa María

O galego entre os séculos VIII e XII

Durante a emerxencia dos reinos cristiáns na época da Reconquista, Galicia constitúe unha unidade política con Asturias e León, coa excepción dos reinados de don García (1065) e Afonso Raimúndez (1111). A pesar desta dependencia, o poder do que gozaban a nobreza, a Igrexa e os mosteiros galegos, así como a importancia que acada Santiago como centro relixioso e cultural, permiten o desenvolvemento do galego sen máis competencia ca o latín para certos usos escritos.

Séculos XII a XV: o galego, lingua literaria

As condicións sociopolíticas dadas a partir do século XII permitiron a aclimatación en Galicia da poesía trobadoresca. Durante esta época é a galega, entre as da Península Ibérica, a lingua lírica por excelencia. O noso idioma soaba en boca de trobadores e segreis en todas as cortes de España e eran moitos os poetas de fóra de Galicia que adoptaban o galego como lingua poética.

Un xénero literario de gran difusión na Europa da Idade Media é o relato de milagres, con función devota e propagandística. Unha das máis importantes coleccións de milagres marianos de Europa está recollida nas Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio. Ademais do seu indubidable valor musical, son un monumental documento lingüístico do florecemento do galego nesta época.

Os grandes temas da literatura europea da época tiveron tamén reflexo na prosa galega medieval. En galego puidéronse ler os libros das Aventuras dos cabaleiros da Mesa Redonda, a Historia de Troia, Os milagres de Santiago e tamén a Historia Universal e a Historia de España.

As condicións sociopolíticas da Galicia do século XV impediron a continuidade desta produción literaria.

Séculos XIII a XV: o galego na vida social

 O galego era a lingua oral de todos os estamentos sociais. Tamén era a lingua escrita de todo tipo de actos (notariais, xudiciais e administrativos), tanto públicos coma privados. O galego cultivouse na prosa administrativa (regulamentos de gremios e confrarías, actas dos concellos...), na notarial (contratos privados, testamentos, libros de contas...), na xurídica (demandas, preitos, traducións de tratados legais...), científica (Tratado de albeitaría) e relixiosa (sermóns, lecturas sagradas).
Ben é certo que xa dende a metade do século XIII, durante o reinado de Fernando III, comeza a penetración do castelán en documentos que teñen como orixe ou destino a Corte.