Volver

DATOS BÁSICOS DA LINGUA GALEGA

Competencia e usos

Dentro do marco das chamadas linguas minoritarias europeas, a galega é, con diferenza unha das que mostra unha maior fortaleza no que se refire a número de falantes.

Tres cuartas partes da poboación censada en Galicia fala o galego en maior ou menor medida

Segundo a Enquisa estrutural a fogares 2018, elaborada polo Instituto Galego de Estatística, tres cuartas partes da poboación censada en Galicia fala o galego en maior ou menor medida, o que quere dicir que arredor de dous millóns de persoas usan habitualmente a lingua propia de Galicia na súa vida diaria (relacións familiares, sociais, laborais etc.).

Se se efectúa unha análise comparativa en relación cos datos correspondentes ás enquisas precedentes, entre o 2003 e o 2013 obsérvase un descenso na porcentaxe de persoas que, habitualmente, se comunican en galego na súa vida ordinaria, en tanto que nos últimos 5 anos ese proceso parece conterse, cun incipiente repunte asentado no crecemento das opcións bilingües.

Comparativa de persoas que se comunican en galego na súa vida ordinaria
Galicia 2003 2008 2013 2018
En galego sempre42,98%29,96%30,84%30,33%
Máis galego ca castelán18,22%26,44%20,06%21,55%
Máis castelán ca galego18,73 %22,45 %22,00%23,14%
En castelán sempre19,56 %20,05%25,95%24,21%
Outras situacións0,50 %1,10 %1,15%0,77%
Total100,00 %100,00 %100,00%100,00%
Falantes de galego “en maior ou menor medida”79,93 %78,85 %72,9% 75,02%

IGE. Enquisa estrutural a fogares.
Nota: os datos fan referencia á poboación de 5 ou máis anos.

É verdade que preocupan os índices de falantes novos e o mantemento da transmisión interxeracional nas cidades máis grandes de Galicia, pero, paralelamente, é innegable que existen puntos fortes nada desdeñables á hora de facer unha análise obxectiva:

  • Tres cuartas partes da poboación falan galego en maior ou menor medida, algo que sucede en moi poucas comunidades cunha lingua minoritaria.
  • Os maiores descensos de falantes de galego prodúcense entre aqueles que non tiveron ensino en galego (realmente entre os nacidos antes de 1973).
  • Incrementouse notablemente o número de persoas bilingües (galego –castelán) así como os usos bilingües.
  • A presenza da lingua aumentou no ensino: nas relacións entre o alumnado, entre estes e o profesorado... Un 72,72% do alumnado preuniversitario afirma recibir tanta docencia en galego como en castelán.

 

Competencia

Na Enquisa estrutural a fogares do ano 2013 e na do ano 2018, aumentou o número de persoas que di ter un grao alto de coñecemento oral e escrito do galego. É unha recuperación especialmente importante porque a tendencia previa, tal e como pode deducirse da comparación dos datos do 2003 e do 2008,  era de descenso. 

Comparativa de persoas que saben falar galego/persoas que saben escribir galego 

  Persoas que saben falar galego Persoas que saben escribir galego
  2003 2008 2013 2018 2003 2008 2013 2018
Moito67,94%54,13%57,31%57,59%28,08%25,25%29,40%29,54%

 Fonte: IGE. Enquisa estrutural a fogares.

A familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do idioma galego: o 83,36% dos galegos aprendeu a falar o galego neste ámbito. Con todo, cómpre ter en conta que, se nos cinximos á poboación menor de 30 anos, a escola supera a familia como medio de aprendizaxe. Aínda así, un 70% dos mozos sinala a familia como un dos seus espazos de aprendizaxe da lingua.