Volver

DATOS BÁSICOS DA LINGUA GALEGA

Territorio no que se fala

Desde o século IX ata hoxe é a lingua falada no territorio da actual Comunidade Autónoma de Galicia e tamén nas áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, provincias que formaron parte do espazo administrativo da Gallaecia romana. Tamén segue a ser, na actualidade, a lingua habitual de case o 90% dos aproximadamente 6.000 habitantes do Val do Ellas, no noroeste de Estremadura.

  • Mapa da variedade estándar e das variedades territoriais do galego

    Mapa da variedade estándar e das variedades territoriais do galego

Mercé ás circunstancias históricas da emigración galega por todo o mundo, existen áreas xeográficas e cidades (Barcelona, Zurich, Montevideo ou Bos Aires) con ampla presenza de comunidades galegas que conservan o galego como vehículo comunicativo, non só no ámbito privado, senón tamén no público, a través de publicacións periódicas, literarias ou mesmo na comunicación radiofónica dos países de acollida.

A variedade estándar e as variedades territoriais

A Lei de normalización lingüística (1983), na súa disposición adicional, atribúelle á Real Academia Galega a autoridade para establecer a variedade estándar da lingua galega. Un ano antes, en 1982, esta institución xa publicara, conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, a primeira edición das Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega, texto normativo que permanecería en vigor sen cambios ata a publicación, en 1995, das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, nas que se introducían, en relación coas anteriores normas, modificacións puntuais e se cubrían algunhas lagoas detectadas. Unha edición revisada, publicada en 2003, constitúe o texto normativo en vigor na actualidade.

Como ocorre con todas as linguas vivas, o galego posúe variedades formais de natureza territorial. Con todo, a galega é unha lingua de notable homoxeneidade no que se refire ás variedades territoriais que ofrece, razón pola que os especialistas descartan referirse a elas co termo de dialecto. Por tal motivo, nun intento de clasificalas, agrupáronse as diferentes variedades territoriais en tres bloques de fenómenos lingüísticos, dentro dos cales se identifican, asemade, distintas áreas. Para levar adiante este traballo de caracterización e clasificación, botouse man, basicamente, de trazos fonéticos e morfolóxicos, e, en moita menor medida, dos de índole sintáctica ou léxica.