Ciencia en galego

Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia. En consonancia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

Como vén sendo habitual, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos equipos de dinamización da lingua galega, colabora con Bibliotecas para a celebración do Mes da Ciencia nas Bibliotecas e con Igaciencia na organización de webinarios de dinamización científica en galego. Este ano, as videoconferencias programadas xiran arredor do cambio climático:

  • O verán do 2022, extremos climáticos sen control? "De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima". Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, da RAGC. Día 4 de novembro, ás 12 horas.
  • Mergullámonos no óceano do futuro? Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo. Día 21 de novembro, ás 12 h.
  • A pegada do home e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia. Dr. Fran Canosa, divulgador da Xeoloxía de Galicia. Día 25 de novembro, ás 12 h.
  • Cambio climático e sistema alimentario. Dr. Luís Díaz Allegue, investigador. Día 28 de novembro, ás 12 horas.

A inscrición nos webinarios debe facerse na páxina habilitada para o efecto por Igaciencia