Ciencia en galego

Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia. En consonancia con isto, desde hai once anos o profesorado de Galicia comezou a celebrar en novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

Como todos os anos,  Igaciencia (Institución Galega de Ciencia) propón dedicarlle o Mes da Ciencia a dous científicos, un estranxeiro e outro galego. O científico estranxeiro deste ano é Robert Koch, microbiólogo alemán, considerado un dos pais da bacterioloxia, que descubriu os bacilos da tuberculose e do cólera e foi premio Nobel de Medicina en 1905. Dado que a Asemblea das Nacións Unidas decidiu declarar 2020 "Ano internacional da sanidade vexetal", optouse por escoller como científico galego o profesor Ernesto Viéitez Cortizo, que se ocupou de fisioloxía vexetal.

O ano 2020 vén marcado tamén pola pandemia provocada polo cornaviurs, polo que a Secretaría Xeral da Xunta de Galicia e Igaciencia organizan para mediados de novembro o webinario Só a ciencia nos rescatará da pandemia, dirixido a alumnado de cuarto da ESO e de bacharelato e mais ao seu profesorado. O dito webinario será impartido pola profesora Sonia Villapol Salgado, científica do Centro Médico de Texas (EEUU), que forma parte do equipo de invesigación internacional da covid-19.

Ademais desta actividade, nos centros educativos os equipos de dinamización da lingua galega traballan co seu alumnado en diferentes propostas  que se orientan a mostrar o valor da ciencia e da lingua galega para a súa creación e divulgación e as bibliotecas escolares súmanse á celebración co Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.