Volver

Día Internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

  • © UNESCO/Montakarn Suvanatap

    © UNESCO/Montakarn Suvanatap

Este ano, a Xunta de Galicia celebra a lingua materna co II Encontro "21 días co galego e +", unha xornada lúdica e didáctica que reúne na Cidade da Cultura de Galicia preto de 600 participantes da VI edición do programa de dinamización lingüística homónimo para intercambiar experiencias, música (que correrá a cargo de Pakolas) e xogos ao longo do día.

 

Lingua materna

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

A UNESCO lémbranos que «os idiomas, coa súa complexa imbricación coa identidade, a comunicación, a integración social, a educación e o desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta. Con todo, a causa dos procesos de globalización, pesa sobre as linguas unha ameaza cada vez maior de extinguirse (...). Coa extinción dos idiomas mingua tamén a rica urda da diversidade cultural. Pérdense posibilidades, tradicións, lembranzas, modalidades únicas de pensamento e de expresión; recursos valiosos e necesarios para lograr un futuro mellor. (...) Afortunadamente, e grazas a que se asumiu a importancia que teñen estas linguas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada na lingua materna, en particular na educación primaria. Así mesmo, hai un compromiso cada vez maior para que se desenvolvan na vida pública. As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible. Por iso, debemos coidar de todas as linguas”.

Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional

Cada ano, a UNESCO escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. En 2023, o tema é "Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional". O plurilingüismo enténdese como unha ferramenta crucial para a educación inclusiva e a preservación das linguas minoritarias, unha ferramenta que elimina as barreiras entre o fogar e a escola, permite a apertura a novas linguas e garnte a súa aprendizaxe eficaz a partir do coñecemento estudo e do coñecemento sólido do idioma maternos do estudantado. 

Para a UNESCO, a educación multilingüe non só promove sociedades inclusivas, senón que tamén axuda a preservar as linguas non dominantes, minoritarias e indíxenas. É unha pedra angular para lograr un acceso equitativo á educación e oportunidades de aprendizaxe permanente para todas as persoas.