Volver

Lingua de namorar 2019

Xa se coñecen os gañadores da sétima edición de Lingua de namorar, un certame en liña de mensaxes de amor en lingua galega convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, o obxectivo principal destes premios é dinamizar o uso da lingua galega entre a xente nova nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Categoría A

As mensaxes gañadoras na Categoría A, para persoas de 14 a 19 anos, son as seguintes:

Primeiro premio: Máis que choiva, de Nee Barros Fernández  (Marín, Pontevedra)

Comezaches sendo froallo suave, babuña e patiñeira; pero pouco a pouco fuches pasando a chuvascada, arroiada e xistra, rematando nunha auténtica treboada, enxurrada e dioivo. Empapáchesme de pés a cabeza e eu, entre tanto sinónimo, só sei pedirche que non escampes nunca.

Segundo premio: Conto contigo, de Irea Cendán Cadahía (As Pontes, A Coruña)

Se teño frío, conto coa túa calor; se a tristeza me aborda, conto co teu sorriso; se non me atopo na escuridade, conto coa túa luz. Non teño medo porque sei que se me sinto soa, conto contigo.

Terceiro premio: Tan guapa, de Yago Rubio Álvarez (Vega de Espinareda, León)

Tan doce que os mosquitos van a ti,

Tan bonita que es fotografada por excursións de xaponeses,

E a túa lingua é o mellor motivo para aprender idiomas.

 

Categoría B

As mensaxes gañadoras na Categoría B, para persoas de 20 a 35 anos, son as seguintes:

Primeiro premio: Este, para min, Navia Rivas de Castro (Boimorto, A Coruña)

Erguerei do chan o meu corpo atropelado pola vida,
aloumiñarei as súas costuras,
coidarei as súas raíces.
Tecerei a miña liberdade en cada novo paso.
e non me renderei,
Querereime. Sempre.

Segundo premio: Amor diglósico, Darío Rodríguez González (Vigo, Pontevedra)

Non se pode vivir así, non é lóxico
O amor bilingüe, o amor diglósico,
É un sinvivir, é un despropósito
E ás veces resulta mesmo un pouco tóxico,
Falar por boca de ganso, falar con lingua de trapo,
Case vai ser millor amar en castrapo.

 

Terceiro premio: A discusión: corazón vs. cabeza, Cándido Paniagua Pousa (Xinzo de Limia, Ourense)

O corazón dixo: eu non atendo a razoamentos, tan só a impulsos.
A cabeza replicou: eu analizo a situación e busco a mellor opción.
O corazón retrucou: mentres ti perdes o tempo argüíndo, eu latexo desfrutando o momento.
E a cabeza calou, buscando unha boa resposta.
Nese intre, o corazón sorriu, sabedor de que gañara a discusión.

Nesta categoría, o xurado acordou concederlle unha mención de honra a María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo) pola mensaxe Escoiteite:

Vinte,
escoiteite.
Olleite,
escoiteite.
Sentinte,
escoiteite.
Emocioneime,
escoiteite.
Abrín a boca para falar,
Silencio neofalante.
Atragoáronse as verbas na miña gorxa,
escoiteite.
Pronunciei “quérote” mentres os complexos se esvaecían entre
os meus beizos.
Escoiteite.

Premios

Os premios obtidos polos gañadores, que se entregarán en Padrón (A Coruña) o 28 de marzo, son os seguintes:

Categoría A:

  •  1º Tablet SPC Gravity PRO
  •  2º Libro electrónico EareaderBQ Cervantes
  •  3º Altofalante portátil DAEWOO

Categoría B:

  •  1º Ordenador portátil HP
  •  2º Sistema de son NEVIR
  •  3º Auriculares True Wireless Stereo DAEWOO