Volver

Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2023

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), co fin de divulgar a figura e o legado de Francisco Fernández del Riego, pon á vosa disposición os carteis das exposicións gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas da categoría A, correspondente á educación infantil e primaria, e da categoría B, correspondente a educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, acompañadas de cadansúa guía didáctica. Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e tamén para o público dos concellos, bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Desde a fiestra de don Paco, elaborada polo CEIP Juan Rey de Lourenzá (Lugo): un harmonioso conxunto de carteis nos que destacan a creatividade, a cooperación de todo o alumnado na elaboración, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos diversos (códigos QR, podcasts, linguaxe Braille, pictogramas etc.), na procura de difundir a vida e a obra da Del Riego entre a rapazada.

Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, o premio foi para Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego, do IES Castelao de Vigo (Pontevedra), que salientan pola beleza estética e a sorprendente orixinalidade, ao nos amosar a vida e a obra de Fernández del Riego como un camiño que nos convida a percorrer Ramón Sanfiz, o guía e protagonista do seu libro Galicia; un vieiro que atravesa todos os carteis dedicados ás diferentes facetas da súa vida e obra e no que se mostran as distintas recreacións desta realizadas polo alumnado.

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas, así como regras, marcadores de libros e outros materiais. Canda estas exposicións e as súas guías, tedes tamén diversos materiais que vos poden ser de utilidade.