Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de divulgar a figura e o legado de Xela Arias, pon á vosa disposición os carteis das exposicións gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas, así como as guías didácticas correspondentes a cada mostra e outros materiais.
Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e, así mesmo, para o público dos concellos, bibliotecas e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.
A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Xela Arias e as palabras, elaborada polo CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro, de Redondela (Pontevedra); trátase dunha serie de carteis que salientan pola súa orixinalidade e creatividade, a beleza estética e a diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo.
Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, a mostra gañadora foi Abecedáriome, do IES Plurilingüe de Ames, de Ames (A Coruña): unha exposición que consegue plasmar a vida, a obra e a época de Xela Arias a través dun harmonioso conxunto de carteis que destacan pola súa modernidade e pola acertada selección da información, amais da súa unidade, perfección técnica e calidade lingüística.
Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas, así como regras e marcadores de libros; todos os materiais poden descargarse nunha versión de alta calidade.