Volver

Lingua de namorar 2021: mensaxes gañadoras

O xurado do concurso Lingua de namorar 2021 reuniuse o venres 26 marzo para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público. Son as seguintes.

Mensaxes gañadoras da categoría A

 

1º premio: Penso en ti, de María Rey Villar (A Coruña)

En cada noite de primavera,

No solpor en Cabo Vilán,

Salvaxe como alecrín dourado,

Cando nas buguinas escoito o mar,

 

Cando orballa na cidade,

En cada verso de “Ti e máis eu”,

No claro luar da noite,

Pola mágoa dun adeus.

 

No danzar das bolboretas,

Depenicando unha flor,

Escoitando bater as ondas,

Lembranza do meu amor.

 

2º premio: Sol e Lúa, de Lucas Paz González (A Coruña)

Vivía sol no eterno baleiro

Luceiro no escuro vivía na nada

Antollo do sino Lúa xurdiu

Escura na luz vivía sen nada.

 

Sol alumou a Lúa

Lúa virou cara Sol

Sol frío e Lúa velada

Na eclipse xuntos estaban.

 

 

3º premio: Amar mentres a vida avanza lento, Lara Hernández Iglesias (A Pobra do Caramiñal, A Coruña)

E só este día é noso. Faime un sitio onda ti. Deixa que me acubille nos teus brazos mentres a vida avanza lento. Deixa que nos perdamos neste mundo compartido e falemos de alegres lembranzas, da elemental verdade que fai xustiza nuns corpos que aman.

 

Mensaxes gañadoras da categoría B

 

 

1º premio: Rea(r)mar, de Lara Álvarez Álvarez (Redondela, Pontevedra)

Esquecín de onde veño,

esquecín quen son,

esquecín amar o que fago,

esquecín.

Tiven que recuperar os meus adentros,

afondar nos meus máis profundos sentimentos.

Tapáronme a boca,

borráronme as mans,

aloxáronme da vida,

e aínda así

puiden atopar-

me

te

nos.

 

2º premio: O fío da vida, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas, Ourense)

A túa última folla caduca

segue prendida no lene baile

da derradeira aperta.

 

O meigo recendo das sabas

cubriuse de choros

tan sinceros coma crus.

 

Onde o espazo e o tempo se ausentan,

perdura a melodía

ao ritmo das badaladas.

 

Espérame á beira da noite.

Guiaranme os carreiros da pel,

os teus átomos amolecidos

baixo a certeza do amor.

 

 

3º premio: KÓX3G∆S, de Andrea López Otero (Pantón, Lugo)

A xema dos seus dedos rozando a palma da súa man.

[...]

A mente en branco.

Os ollos pechados.

Primeiro sorrisos, ollos.

Palabras.

 

Sorrisos, ollos.

Sorrí.

Morde os beizos.

Un nome. Dous nomes.

Dous. Un. Beizos. Mans.

Os seus beizos.

As súas mans.

 

 

O xurado de Lingua de namorar 2021 preseleccionou, na súa xuntanza do 26 de marzo, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

José María Trigo González (Cambados, Pontevedra)

@azrael.musico.medicina

 

 

Saudando a vida e como a serpe, dobrarnos.

Ti madeira eu cordada d'arco.

Frecha tinguida de Eros

a diana que nos están roubando

entre feches e perimetrias

esta frecha vai voando.

 

 

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.