Volver

Mostra de Entroido Lamas de Abade

Centro: CIFP Compostela, Santiago de Compostela (A Coruña)
Curso: 2022-2023

A Mostra do Entroido Lamas de Abade iniciou a súa andaina no curso 2013/2014 e seguiuse desenvolvendo de xeito ininterrompido ata a actualidade. Ao longo deste tempo, tense abordado a tradición do Entroido galego desde nove perspectivas diferentes e xenuínas (os xenerais da Ulla de Couso-A Estrada, Viana do Bolo-Vilariño de Conso, Cobres-Vilaboa, Laza, Santiago de Arriba-Chantada, Verín, Bande, Arcos-Mazaricos e Lobios).

Os excelentes resultados da experiencia nas edicións anteriores e o interese expresado polos colexios de Santiago de Compostela e doutros lugares de Galicia animaron o EDLG do CIFP Compostela e os centros implicados na organización a ampliar esta iniciativa ao ámbito dos centros públicos de ensino non universitario. A proposta consiste en compartir materiais e publicacións sobre o Entroido que se homenaxeará este ano ("madamitas e madamitos" de Entrimo) e realizar actuacións conxuntas co alumnado: confección de traxes e indumentaria, actividades sobre a tradición oral, gastronómica, musical etc.

Alén diso, para seguir a parte de presentación e exposición da X Mostra do Entroido prevista para o vindeiro día 10 de febreiro de 10:00 a 11:00 h, proporcionarase con antelación a ligazón do streming. A esta celebración acudirá tamén a asociación colaboradora de Entrimo e o profesorado e alumnado do CEIP Santa María a Real desta localidade. A comitiva estará acompañada pola agrupación Abadiño Son, formación de música tradicional integrada por estudantes e docentes dos centros organizadores.