Volver

Documental A batalla de Ponte Ledesma, transmisión oral, lingua e poesía

Centro: IES Marco do Camballón, Vila de Cruces (Pontevedra)
Curso: 2022-2023

A Batalla de Ponte Ledesma, que enfrontou as tropas de Napoleón e o exército popular galego da Xunta de Trasdeza en 1809, protagoniza este documental promovido polo EDLG e realizado polo alumnado de Oralidade e Regueifa de 3º da ESO do Camballón coa colaboración de varios centros máis da zona onde se celebra o Entroido da Ulla.

Mediante testemuños orais e outras fontes, preséntase a contenda como posible orixe deste Entroido, cos seus "atranques" nos que participan alumnas e alumnos da comarca e onde a violencia se converte en humor dialéctico nas coplas rimadas.

No documental faise referencia á semellanza dos traxes dos xenerais do Ulla cos da Grand Armée e á pegada dos nomes dos xenerais franceses Jean-Dieu Soult e Michel Ney na designación, aínda hoxe en día, de moitos cans da zona como Sul e Nei, segundo as pescudas do alumnado. Por último, o historiador e arqueólogo Víctor García Piñeiro, ex-alumno do IES, relaciona varios topónimos locais co episodio bélico.