Volver

Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal

Centro: EOI de Santiago de Compostela
Curso: 2018/2019

O vindeiro 4 de decembro de 2019, ás 21.00 h, vaise celebrar no Auditorio de Galicia da cidade compostelá a Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal 20219, na que se entregarán os galardóns á mellor peza musical e á mellor poesía galega e portuguesa do pasado ano e se lerán e cantarán os temas gañadores.

Esta gala forma parte do certame homónimo que organiza a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional -por medio da Escola Oficial de Idiomas de Santiago- e impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e que constitúe unha das accións coas que a Xunta de Galicia desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Colaboran, así mesmo, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo.

Nesta IV edición, tras a selección de 10 finalistas de cada categoría realizada polo xurado e a posterior votación popular en liña concedéronse os seguintes premios:

Categorías de poesía

  • Mellor poema galego: "E isso é o amor", de Susana Aríns
  • Mellor poema portugués: "Fachada", de Marta Chaves

Categorías de música

  • Mellor tema musical galego: “Que non mo neguen”, de Tanxugueiras
  • Mellor tema musical portugués: “Efeito do Observador”, de Os Azeitonas

Premio especial do xurado á embaixada da amizade galego-lusófona: Uxía.

Presentarán a gala Maria João Costa e Carlos Blanco, que tamén nos deleitará coa súa actuación.

A entrada é libre e gratuíta.

Certame aRi[t]mar Galiza e Portugal

Esta iniciativa xurdiu por primeira vez no ano 2016, no seo do Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EOI de Santiago de Compostela.

Ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas no ano anterior en Galicia e en Portugal, alén de achegar as linguas e as culturas que configuran os territorios das dúas bandas do Miño.

Na primeira fase, un xurado selecciona os 10 mellores poemas en galego, os 10 mellores poemas en portugués, as 10 mellores cancións en galego e as 10 mellores cancións en portugués.

Posteriormente, realízanse as votacións en liña, para que o público poida elixir (entre 10 finalistas) a canción e a poesía gañadoras de cada modalidade.

Como colofón, as/os artistas gañadores, xunto cos/coas poetas escollidos actúan, no último trimestre do ano, na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal.

No momento actual, alén das comunidades educativas e socias da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participan tamén no proxecto as dos centros de estudos galegos de trinta e cinco universidades internacionais, da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, das Escolas Oficiais de Idiomas de Lugo e de Pontevedra, do Centro Cultural Português de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza (IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Félix Muriel (Rianxo), IES de Valga, IES Valadares (Vigo), IES Politécnico (Vigo), IES A Sangriña (A Guarda), CEIP Mariñamansa (Ourense), CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense), CEIP Oímbra e CEIP Princesa de España (Verín), e o IES de Cacheiras (Teo), e doutros centros de ensino do Bierzo, o Reino Unido e Arxentina.