Portal Educativo Aulas Galegas
Aulas galegas é un portal educativo creado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cren que, ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19, deben ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade e poñer á disposición do alumnado, das familias e do resto de profesorado recursos e materiais educativos en galego.
A vocación deste portal non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas, senón ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.
Para o alumnado e as súas familias publican cada día material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Compartirán contidos educativos de elaboración propia creados especificamente para esta iniciativa e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar; e para o profesorado van crear unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poidan atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias.
Parabéns por esta fermosa iniciativa!