Videoconferencias do Mes da Ciencia en Galego 2023
Curso: 2023 - 2024
Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia. En consonancia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.
Como vén sendo habitual, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos equipos de dinamización da lingua galega, colabora con Igaciencia na organización dunha serie de webinarios de dinamización científica en galego, dirixidos aos centros educativos, especialmente aos de secundaria e bacharelato.
Os tres primeiros son os seguintes:
- Dr. Diego Martínez Santos, físico e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías en Santiago de Compostela. Premio 2013 da Sociedade Europea de Física ao Mellor Físico Novo de Europa. "A Física de partículas no século XXI". Día 3 de novembro, ás 12:00
- Dr. Francisco Javier De Toro Santos, Xefe de Servizo de Reumatoloxía do CHUAC e vicepresidente do colexio de Médicos da provincia da Coruña. Día 17 de novembro ás 12:00.
- Dª Mónica Cartelle Gestal, profesora de Microbioloxía e Inmunoloxía na Universidade de Louisiana, nos Estados Unidos. Día 24 de novembro ás 12:30.
Os centros interesados deben formalizar a inscrición na páxina habilitada para o efecto por Igaciencia. O prazo, que xa está aberto, finalizará unha semana antes da data de emisión de cada videoconferencia.
As charlas tamén se poden seguir a través da canle de Youtube de igaciencia. Porén, cómpre estar subscrito para poder facer preguntas a través do chat durante a emisión.
Igaciencia tamén lles ofrece aos centros que o desexen a infraestrutura necesaria para crearen ou realizaren eles mesmos unha videoconferencia.