Volver

#ACULTURASEGUE

O Camiño Primitivo. Prot Comunicación e Boneca Lareta

Serie documental sobre o Camiño Primitivo realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21. Está conducida e presentada polo actor, director e guionista Aitor Rei.

O Camiño Primitivo é o Camiño de Santiago que vai polo interior de Asturias e de Galicia. É a primeira ruta de peregrinación a Compostela da que se conservan referencias e a máis antiga.

Cada un dos sete capítulos que compoñen esta serie son unha viaxe a través da historia e da diversidade, do que nos fai distintos pero ao mesmo tempo iguais.

Camiñando a través da busca persoal dos peregrinos e peregrinas esta serie constrúe unha historia colectiva ao longo dun legado que permanece no tempo. O Camiño Primitivo.

 

 

Capítulo 1. Grandas de Salime - A Fonsagrada

No primeiro capítulo desta serie explícase que é o Camiño Primitivo. Despois, móstrase a etapa que vai de Grandas de Salime, derradeiro tramo asturiano desta ruta xacobea, ata A Fonsagrada. Para rematar, na sección "Historias peregrinas", entrevístase a un peregrino inglés que escolleu esta vía de peregrinación para coñecerse a si mesmo.

Capítulo 2. A Fonsagrada - O Cádavo

Segundo capítulo e segunda etapa da nosa viaxe polo Camiño Primitivo. Desta volta, partimos da Fonsagrada, en concreto da fonte que deu orixe ao topónimo, camiñamos para coñecer a historia do Hospital de Montouto, o Dolmen de Pedras Dereitas, a lenda da Costa do Sapo e o Alto da Fontaneira ata chegar ao Cádavo. Na sección "Historias peregrinas", coñecemos a experiencia de tres camiñantes de distintas procedencias.

Capítulo 3. O Cádavo-Lugo

Na etapa de hoxe paramos en Castroverde, onde coñecemos a Fonte dos Nenos, de Primitivo Mallo, e finalizamos contemplando en Lugo a única muralla romana do mundo que conserva todo o seu perímetro. Nas "Historias peregrinas" coñecemos as motivacións de persoas -ciclistas e camiñantes- chegadas de diferentes puntos de España.

Capítulo 4. Lugo - San Romao da Retorta

Visitamos Lugo e saímos da cidade pola ponte sobre o río Miño. Facemos parada na Capela de San Lázaro, cuxa historia coñeceremos; gozamos da paisaxe e da igrexa románica de San Miguel de Bacurín, para rematar en San Romao da Retorta. Na sección "Historias peregrinas" coñecemos a repercusión da pandemia no Camiño.

Capítulo 5. San Romao da Retorta – Melide

Partimos da capela de San Romao da Retorta, preto da cal atopamos o miliario romano que indicaba a existencia dunha vía imperial. Gozamos da beleza da Serra do Careón e, a través dunha paisaxe franqueada por piñeiros e bidueiros, chegamos a Melide, vila de fonda tradición xacobea onde o Camiño Primitivo enlaza co Camiño Francés. Os retos do Camiño centran a sección das "Historias peregrinas".

Capítulo 6. Melide - O Pedrouzo

Partindo da Capela de San Roque, percorremos a vila de Melide dispostos a camiñar 33 Km a través de pistas forestais, montes e pradeiras compartindo ruta con peregrinos do Camiño Francés, o itinerario máis concorrido a Compostela. A variedade de persoas que percorre o Camiño e as ensinanzas da Ruta Xacobea están presentes nas "Historias peregrinas" deste capítulo.

Capítulo 7. O Pedrouzo - Santiago de Compostela

Chegamos ao derradeiro capítulo d'O Camiño Primitivo, que nos levará desde Pedrouzo ata o noso destino, Santiago de Compostela, cuxa catedral veremos por primeira vez no Monte do Gozo. Este é o punto final dunha experiencia inesquecible que a maioría dos peregrinos repetiría. As "Historias peregrinas" falan neste capítulo final das emocións e sentimentos que provoca o Camiño.