Nós tamén creamos! 2016
V edición dos Premios a curtas de animación en galego desenvoltas no marco do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e mais con OQO editora.
Reunido o xurado para avaliar as curtas presentadas á V edición de Nós tamén creamos!, resolveu outorgar os seguintes premios:
Alumnado de educación infantil
- Canto ruído, do CPI de San Vicente, A Baña (A Coruña)
- Así fixemos Canto ruído
Alumnado de primeiro e de segundo de educación primaria
- A figueira de Pelostortos, do CEIP do Camiño Inglés, Oroso (A Coruña)
- "Como se fixo" incluído na curta
Alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria
- A figueira de Pelostortos, do CEIP de Ponzos, Ferrol (A Coruña)
- Así fixemos A figueira de Pelostortos
A comisión de selección acordou outorgar tamén as seguintes mencións:
Alumnado de educación infantil
- A princesa que bocexaba a todas horas, do CEIP de Cervo (Lugo). Pola calidade estética
- A máscara do león, do CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu (Pontevedra). Pola composición da banda sonora
Alumnado de primeiro e segundo de educación primaria
- O mago rosa, do CEIP plurilingüe Otero Novas, de Cortegada (Ourense). Pola composición estética e a ambientación
Programa de dinamización lingüística
Nós tamén creamos! ten os obxectivos de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos o web da Televisión de Galicia.
O premio a curtas de animación en galego que se convoca no marco de Nós tamén creamos! está dirixido a centros educativos de infantil e de primaria. Ata 2 equipos de entre 2 e 4 docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop-motion. O profesorado que lidere a elaboración das curtas co seu alumnado recibirá, se o desexa, asesoramento durante o proceso de elaboración dos seus traballos.
Como sempre, as creacións presentadas ao concurso estarán accesibles na sección infantil da web da CRTVG e tamén dende esta mesma páxina. Haberá tres premios, un para a mellor curta elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outra para a mellor de terceiro e cuarto cursos. O profesorado que participase na elaboración das curtas galardoadas recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación premanente do profesorado.
O prazo para solicitar a participación rematou o 8 de marzo. O prazo de presentación de orixinais foi ampliado ata o 10 de maio de 2016.
Curtas de animación en galego
No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística envioulles aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQO editora e acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.
O curso seguinte, avanzouse un paso máis no uso da animación nas aulas mediante a creación do programa Nós tamén creamos! Grazas a el, os centros educativos pasaron de ver curtas en galego... a crealas! A novidade do curso pasado foi a inclusión de Nós tamén creamos! no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, que posibilita ampliar as horas de formación e o recoñecemento para o profesorado participante.
Un curso máis, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! segue en Proxecta, pero o concurso de curtas do mesmo nome, que forma parte del, está aberto a todos os centros de infantil e/ou primaria, de maneira que tamén poidan participar aqueles docentes que recibiron formación noutras edicións ou, simplemente, que están interesados nesta experiencia de aprendizaxe e de dinamización da lingua galega para o seu alumnado.