Programa Nós tamén creamos! 2020

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia, poñen en marcha un ano máis o programa de dinamización linguística Nós tamén creamos!

Nós tamén creamos! ten os obxectivos de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos cativos e ás cativas o web da Televisión de Galicia.

Nós tamén creamos! no Plan Proxecta

Na actualidade, esta iniciativa está incluída no Plan Proxecta. Os centros educativos que participan nela reciben unha dotación de libros infantís en galego, así como un curso de formación de 30 h e asesoramento continuado ao profesorado para que poida realizar co alumnado curtas de animación coa técnica de stop motion baseadas nos librosque se lles proporcionan.

Máis información sobre o Programa Nós tamén creamos! no marco do Plan Proxecta:

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/9606​

Premios Nós tamén creamos!

O premio a curtas de animación en galego asociado ao programa está dirixido a centros educativos de infantil e primaria, participantes ou non no Plan Proxecta. Ata 2 equipos de 2 a 4 docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop motion.

O profesorado que participe nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 para o resto de profesorado participante.

Como sempre, as creacións presentadas ao concurso estarán accesibles na sección infantil do web da CRTVG e tamén desde esta mesma páxina. Haberá tres premios, un para a mellor curta elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outro para a de terceiro e cuarto cursos de primaria.

Nesta edición, as curtas deben basearse nalgún dos seguintes libros, que se lles envían aos centros educativos participante no certame e no programa:

  • A grande viaxe – Autor: Anna Castagnoli / ilust.: Gabriel Pacheco
  • Buscando o norte – Autor: Paula Carbonell / ilust.: Cecilia Afonso Esteves
  • Caracol e caracola – Autor: Armando Quintero / ilust.: André Letria
  • Caracol e vermiño – Autor: Anna Castagnoli / ilust.: Gabriel Pacheco
  • Chocolata – Autor: Marisa Núñez / ilust.: Helga Bansch
  • Mariluz avestruz – Rachel Chaundler / ilust.: Bernardo Carvalho
  • O oso e o corvo – Monika Klose / ilust.: André da Loba
  • O papón – Autor: Pablo Albo / ilust.: Maurizio A. C. Quarello
  • Paco papán – Autor: Patacrúa / ilust.: Evelyn Daviddi
  • Quen pode vencer o vento – Autor: Charo Pita / ilust.: Marion Arbona
  • Titiritesa – Autor: Xerardo Quintiá / ilust.: Maurizio A. C. Quarello
  • Viches o león – Autor: Armando Quintero / ilust.: Géraldine Alibeu

Curtas de animación en galego

No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística envioulles aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQOeditora, acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.

No curso 2011-2012, avanzouse un paso máis no uso da animación nas aulas mediante a creación do programa Nós tamén creamos! Grazas a el, os centros educativos pasaron de ver curtas en galego... a crealas! Desde aquela, a SXPL fornece obradoiros formativos e convoca anualmente o concurso de premios do mesmo nome, con tres categorías: educación infantil, 1.º e 2.º de primaria e 3.º e 4.º de primaria.

A novidade do curso 2013-2014 foi a inclusión de Nós tamén creamos! no Plan Proxecta, o que posibilitou ampliar as horas de formación docente -que pasou a ser anual, con parte presencial e parte en rede, para os centros incluídos nel- e o recoñecemento para o profesorado participante.

E, desde o curso 2016-2017, o profesorado dos centros non incluídos en Proxecta que participa no certame tamén recibe unha xornada de formación.