21 días co galego e + 2024

Bota a andar a sexta edición de 21 días co galego e +, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A súa finalidade é promover o uso do galego oral entre a xente nova. Nesta edición desenvolverase desde o 17 de xaneiro ata o 6 de febreiro de 2024.

  • 21 días co galego e +

    21 días co galego e +

Este programa de dinamización lingüística nace para que a xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Alén diso, preténdese que a infancia e a mocidade analicen a súa relación coas linguas que coñecen, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A singularidade de 21 días co galego e + reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e no feito de levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do enfoque máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en ”21 días co galego”, unha experiencia que se desenvolveu desde o ano 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da SXPL. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inicialmente o puxo en marcha en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas. En 2020 e 2021, o programa continuou a súa expansión e chegou en cada curso a 10 centros de toda Galicia para logo acadar a ducia de centros nas edicións de 2022 e 2023.

Tras cinco edicións, o programa continúa a súa expansión, e este curso son dez os centros participantes das catro provincias.

A Coruña

  • CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo
  • CEIP de Prácticas López Ferreiro de Santiago de Compostela
  • CEIP Plurilingüe da Ramallosa de Teo

Lugo

  • CEIP Plurilingüe de Nadela
  • CEIP Frei Luís de Granada de Sarria

Ourense

  • CEIP O Couto de Ourense
  • CEIP Ramón Otero Pedrayo do Barco de Valdeorras

Pontevedra

  • CEP Campolongo de Pontevedra
  • CEIP Plurlingüe García Barbón de Vigo
  • CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo

Nesta ocasión o 21 Días co galego e máis alcanza xa as 4587 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) que durante tres semanas van vivir esta experiencia, unha edición con récord de participación dende que o programa existe.

Galego 24 horas

Os rapaces e rapazas comprométense a falar soamente en galego, na medida das súas posibilidades, as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, dende o 17 de xaneiro ata o 6 de febreiro de 2024 dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa e voluntaria o profesorado e os membros do persoal de administración e servizos.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no proceso, pero o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade. Así mesmo, o labor dos equipos de dinamización da lingua galega tamén resulta imprescindible, pois son eles o motor nos centros que fai posible o seu desenvolvemento.

A intención dinamizadora do programa é chegar a toda a sociedade a través do alumnado implicado, que asemade se converte nun axente normalizador singularmente potente, non só á comunidade educativa de cada centro, senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo, ás familias, asociacións deportivas e demais vertebradores sociais.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e + (https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/) onde se mostrarán as accións, as creacións audiovisuais dos centros participantes e as temáticas para cada día que son froito do traballo colaborativo do profesorado de cada un dos centros educativos. Ao carón destes contidos ofreceranse tamén outros máis lúdicos encamiñados a dar a coñecer a lingua e a cultura galegas.

Todo o alumnado participante visitará a páxina oficial diariamente de luns a venres acompañado do seu profesorado e recibirá as instrucións para cada xornada. Nesas indicacións aparecerán propostas centradas na fala ao redor de temáticas relacionadas cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable), de maneira que ademais de falar, as alumnas e os alumnos reflexionarán sobre as preocupacións da sociedade actual, o que contribúe á súa formación como cidadás e cidadáns críticos e responsables co medio natural e social.

Novidades

A principal novidade en 2024 é que por primeira vez os 21 días co galego e máis van dirixidos a centros de educación infantil e primaria. Os datos de evolución de galegofalantes na infancia levan a enfocar nesas primeiras etapas educativas o esforzo dinamizador para potenciar que as nosas nenas e nenos acollan o galego canto antes e así medren tamén falando na nosa lingua.

Unha segunda novidade serán as publicacións no blog durante as tres fins de semana dirixidas ao público familiar. Búscase que o alumnado non abandone o seu compromiso coa lingua durante o tempo de lecer, senón todo o contrario, que nenas e nenos compartan o galego no seu fogar coas súas familias. Para iso os dez centros participantes deseñaron actividades lúdicas de contido lingüístico para todas as idades, de maneira que as nais e pais cos seus fillos visualicen os xogos e interactúen con eles xogando tamén na casa. Neles poderemos ver alumnado de infantil e dos diferentes ciclos de primaria xogando con nós ao tabú, a completar cancións, a solucionar adiviñas e a completar roscos de pasaGalego.

Medrando en galego

O lema desta edición é “Medrando en galego” porque se pretende que o alumnado, ademais de medrar como galegofalante, tamén medre como persoa responsable comprometida coa sociedade e co ambiente. Por iso, este ano os centros educativos participantes traballaron cos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, creados polas Nacións Unidas. Así, veremos como se achegaron desde as realidades dos seus centros a problemas como os seguintes: a igualdade de xénero; a acción polo clima; a auga limpa e o saneamento; a eliminación das desigualdades; a paz e a xustiza; a educación de calidade; a saúde e benestar; a industria, innovación e infraestruturas; a vida dos ecosistemas terrestres; a enerxía accesible e non contaminante; e as cidades e comunidades sustentables.

Colaboracións externas

Contamos coas colaboracións externas da CRTVG:

O programa Galicia por Diante da Radio Galega un ano máis ofrécenos a posibilidade de ter unha sección diaria na súa programación de luns a venres ao longo do seu desenvolvemento na que alumnado e profesorado dos centros lle contarán á audiencia os temas nos que traballaron e como está a ser a súa participación. O programa Dígocho eu! da TVG, terá un encontro virtual co alumnado dos centros participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato de seu do Dígocho eu!

II Encontro 21 días co galego e máis

Mais as actividades do programa non rematan nos 21 días, senón que como broche festivo final, o 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, realizarase o II Encontro 21 Días co Galego e + que reunirá alumnado de todos os centros participantes no Auditorio Domingo Fontán, no Gaiás, para compartir nunha sesión lúdica de moita lingua e diversión a través das súas experiencias no programa.