Nós tamén creamos! 2017

Un ano máis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e mais con OQO editora, resolveu o concurso de curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, que ten os obxectivos de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos o web da Televisión de Galicia.

Os gañadores da VI edición de Nós tamén creamos! son os seguintes:

Modalidade de educación infantil

Que mal cheira! CEIP de Santo Paio de Abaixo (Redondela)

 

Modalidade de 1º e 2º de primaria

O mundo nos ollos. CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo)

 

Modalidade de 3º e 4º de primaria

A guerra dos números. CEIP Mestre Rodríguez Xixirei (Santiago de Compostela)

 

Todas as creacións presentadas ao concurso están accesibles na sección infantil da web da CRTVG.

Os centros premiados reciben un diploma acreditativo, un agasallo da CRTVG e mais un lote de libros de OQO editora. O profesorado participante na elaboración das curtas galardoadas recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 en caso da persoa coordinadora).

As curtas presentadas este ano debían basearse nalgún dos seguintes libros, que foron enviados aos centros educativos participantes:

  • Que mal cheira!
  • O mundo nos ollos
  • A guerra dos números
  • Cando non atopas a túa casa
  • Os sete irmáns chineses
  • Os mil brancos dos esquimós
  • Buscando o norte
  • Mosquito
  • Tres han de ser
  • Pulga e xigante
  • A caixa dos recordos
  • Lucas e Oso
  • O último canto

Programa de dinamización lingüística

No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística envioulles aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQO editora e acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.

O curso seguinte, avanzouse un paso máis no uso da animación nas aulas mediante a creación do programa Nós tamén creamos! Grazas a el, os centros educativos pasaron de ver curtas en galego... a crealas! Hai dous anos Nós tamén creamos! incluíuse por primeira vez no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, que posibilita ampliar as horas de formación e o recoñecemento para o profesorado participante.

Este curso, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! segue en Proxecta, pero o concurso de curtas do mesmo nome, que forma parte del, está aberto a todos os centros públicos de infantil e/ou primaria, de maneira que tamén poidan participar aqueles docentes que recibiron formación noutras edicións ou, simplemente, que están interesados nesta experiencia de aprendizaxe e de dinamización da lingua galega para o seu alumnado.