Ampliación do prazo de inscrición na proba de selección do programa Lingua rodada

Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso e a valoración positiva do galego entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Para acadar este obxectivo é evidente a importancia as tecnoloxías da información e da comunicación, a Internet, as redes sociais e os recursos audiovisuais, ao seren do gusto das xeracións novas, todas elas nativas dixitais.

Con esta proposta, os rapaces e rapazas crearán vídeos baseados en pequenos relatos para plasmaren a esencia da nosa terra: a súa fala, a súa xente e os seus costumes, lendas, paisaxes, patrimonio, historia...

  • A 1.ª fase iniciarase cunha proba de selección aberta (casting) na que se elixirán os tres mellores vídeo-relatos enviados polos centros. Amplíase o prazo de inscrición na proba de selección do programa Lingua rodada. O novo prazo rematará o 21 de febreiro de 2020 (incluído). A data límite de envío dos vídeo-relatos mantense o 4 de marzo de 2020.
  • Na 2.ª fase, os tres centros finalistas da proba de selección recibirán un obradoiro de 3 h de duración, entre o 11 e o 13 de marzo, e enviarán un novo vídeo-relato a linguarodada@gmail.com entre o 16 de marzo e o 22 de abril, O xurado de Lingua rodada elixirá o audiovisual gañador.
  • Na 3.ª fase, o alumnado participante na obra gañadora terá a oportunidade de rodar o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual durante unha convivencia de dous días no rural galego, e de asistir á súa presentación na XVII Edición do Festival de Cans.

Este programa é tamén unha pequena homenaxe a Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cinema galego, no 25 aniversario do seu pasamento. En 2020 tamén se farán 30 anos da estrea en Galicia de Sempre Xonxa e 35 da primeira emisión da TVG, que comezou en xullo de 1985 con Mamasunción, unha obra que ese ano ampliaría o seu palmarés cunha chea de premios en certames nacionais e internacionais.

Nas súas palabras, "facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario".