Volver

Lingua de namorar. Ditame do concurso

O xurado do concurso Lingua de namorar 2015 reuniuse o pasado xoves 5 de marzo para elixir, entre as 50 mensaxes máis votadas en cada unha das categorías, as mensaxes gañadoras desta edición, que son as seguintes:

Mensaxes gañadoras da categoría A (14 a 19 anos)

1º premio: Atea, de Marta Gómez Martín (Pontevedra)

Eu era atea ata que te coñecín e non souben a quen darlle as grazas.

2º premio: Ego, de Saray Díaz Canosa (Narón, A Coruña)

Por primeira vez tirei os dados e saíron impares. Atrás quedaban as historias de sapos sen fadas. De fronte topeime co meu reflexo sobre un leito de narcisos e anestesiei os sentidos. O eco envexoume e emprendeu un voo case musical: quérome.

 3º premio: O meu ritmo, de Sabela Domínguez Souto (Verín, Ourense)

Decidín asimilarte con cancións... E agora es o meu ritmo de vida.

Mensaxes gañadoras da categoría B (20 a 35 anos)

1º premio: Polos opostos, de Aitana Iglesias Márquez (Narón, A Coruña)

Copérnico fará que non saian as estrelas esa noite. Mendel, que os nosos caracteres non sexan compatibles. Murphy arruinará todos os minutos xunto a ti. Ti tan xullo e eu tan decembro. Ti risco, eu cabeza. Quizais sexa verdade que os polos opostos se atraen. Porque, lonxe das nosas imperfeccións, o mundo é desgrazadamente perfecto.

2º premio: Sentimento meteorolóxico, de Sonia Varela García (Arteixo, A Coruña)

Digo sarabia cando lembro o teu cabelo nas madrugadas do inverno; digo solpor cando imaxino o teu calcañar pisando a area; digo xeada cando deixas inmóbil o meu corazón; digo lóstrego cando me cravas no profundo as túas meniñas; digo tempestade cando espero baixo a túa fiestra cun paraugas nunha man e un quérote na outra.

 3º premio: Así, de María J. Chao Sánchez (Ares, A Coruña)

Coma unha folerpa de neve, que se perde entre os montes brancos dos picos máis altos. Coma unha pompa de xabón nun mar de escuma. Coma unha única nota, que pasa desapercibida na mellor canción. Coma un suspiro perdido no aire que respiras. Coma unha única persoa perdida entre unha chea de xente, así me sinto, así estou, así me vexo eu… ti non.