Os Bolechas e o Sabichón

18/04/2015 Volver

A coñecida familia Bolechas, deseñada por Pepe Carreiro, chega desde esta primavera a 57 concelllos da Rede de Dinamización Lingüística para facer as delicias dos cativos e cativas de 4 a 8 anos.

Os Bolechas e o Sabichón é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista onde se simulará un concurso. Este enfrontará a Braulio e a Loli, que solicitarán a participación e a complicidade do público para vencer.

Mediante esta estratexia, poténciase a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas, que son un referente positivo estreitamente asociado ao galego, pois Os Bolechas falan sempre a nosa lingua: nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos coma este.