Volver

#ACULTURASEGUE

Onde están as mulleres da cultura?

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Ciclo de relatorios celebrado en Muros en que se presentaron experiencias motivadoras de mulleres que traballan no eido cultural e que queren promover o debate sobre o traballo e o éxito da muller neste ámbito e mais os desafíos aos que se enfronta en época de pandemia.

Xornada 1 - Nesta primeira xornada ponse de manifesto a necesidade tanto material como espiritual da cultura, especialmente nestes tempos, así como a importancia de visibilizar a figura da muller neste eido na procura dunha igualdade que aínda non se alcanzou. Participan cos seus relatorios a baterista Paula Rego, a directora de cine Olga Osorio e a artista Lula Goce.

 

 

Xornada 2 - Nesta segunda e última xornada, que comeza cun recordatorio do bonito pero tamén difícil que pode ser dedicarse ao que a un lle gusta e máis sendo muller, participan cos seus relatorios a actriz e guionista Iria Pinheiro, a artista e docente Carmen Senande e a escritora Eli Ríos.

 

Relatorio Paula Rego – Paula é a batería do grupo de rock Agoraphobia, que formou xunto con outras tres compañeiras de Boiro. Cunha exitosa traxectoria profesional que as levou a tocar mesmo fóra de Europa, esta artista comparte as experiencias que experimentou ao longo da súa carreira profesional ata chegar a vivir do seu soño.

 

Relatorio Olga Osorio – Esta directora, guionista, produtora, xornalista e tamén profesora xa viviu o éxito nalgúns dos festivais máis prestixiosos do mundo coas súas curtas e acumula varios premios cos seus videoclips, entre eles o Mestre Mateo. Nesta xornada comparte a súa peripecia vital e artística chea de momentos destacados.

 

Relatorio Lula Goce – Esta baionesa licenciada en belas artes e especializada en pintura cambiou rápido as galerías de arte polos muros das cidades, onde as súas obras se integran co contorno urbano. O seu talento excede os lindes de Galicia, de España e mesmo de Europa e foi exposto en varios festivais de renome. Hoxe cóntanos quen é e como chegou ata aquí.

 

Relatorio Iria Pinheiro – Presentadora, guionista, actriz, cabareteira, cantante, compositora, poeta e empresaria. Esta ourensá, que conta cunha dilatada experiencia en teatro, cine e televisión, comparte a historia da súa carreira, na que tamén houbo momentos difíciles que a fixeron máis valente.

 

Relatorio Carmen Senande – Desde ben pequena esta galega de Muros sempre soubo que quería ser artista. Hoxe, Carmen Senande compaxina a arte, grazas á que obtivo diversos premios e mencións tanto en escultura coma en pintura, coa docencia. Nesta xornada cóntanos como conciliou a súa vida familiar, a súa profesión e a súa paixón, a arte.

 

Relatorio Eli Ríos – Escritora galega nada en Londres medrou pensando que só os homes escribían. Hoxe non só é unha referente da literatura, senón tamén do feminismo galego. Cunha boa colleita de premios ás súas costas, como o premio Torrente Ballester, cóntanos como busca mediante a súa escrita revisar os referentes literarios que coñecemos desde nenas.