FALAREDES 2020
Soa
O programa de dinamización lingüística FalaRedes e o Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 presentan, con motivo da semana do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro) unha xira de cinco funcións da peza teatral Soa, da actriz Rogelia dos Outeiros.
O espectáculo centra a atención na esperanza e ten como protagonista unha muller maltratada física e psicoloxicamente que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre a acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando a audiencia.
Un marido tolo, un cuñado enfermo, os fillos ausentes, a soidade, o machismo, pero tamén a complicidade, a liberación sexual, a autoestima, o cine, a música e, sobre todo, a esperanza son as pezas que emprega Rogelia dos Outeiros para construír un espectáculo que se desenvolve entre o drama e a comedia. Dirixida a público adulto desde os 12 anos e inspirada no coñecido monólogo La donna Sola de Darío Fo e Franca Rame (1977), este espectáculo dirixido por Fran Rei poderase ver no Museo do Mar de Galicia (Vigo), na Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) e nos concellos da Laracha, Barro e Portas.
Axenda de FalaRedes 2020. Soa | |||
Data e hora | Lugar | Concello | Provincia |
14 de novembro, ás 19:00 horas | Fundación Paco Lareo - A Solaina de Piloño | Vila de Cruces | Pontevedra |
29 de novembro, ás 12:00 horas | Museo do Mar de Galicia | Vigo | Pontevedra |
5 de decembro, ás 20:00 horas | Auditorio da Azucreira | Portas | Pontevedra |
11 de decembro, ás 19:00 horas | Fundación Rosalía de Castro | Padrón | A Coruña |
20 de decembro, ás 18:00 horas | Casa da Cultura | A Laracha | A Coruña |