Volver

#ACULTURASEGUE

Numax na escola. Numax

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Cinco unidades didácticas elaboradas por Xan Gómez Viñas a partir da actividade Numax na escola, que se desenvolve desde hai un lustro coa finalidade desenvolver as posibilidades educativas e formativas do cinema.

Estas unidades facilitaranlle ao profesorado o labor de tratar os contidos transversais dos currículos educativos. Ao mesmo tempo, o alumnado familiarizarase coa linguaxe audiovisual e do cinema. Van dirixidas a estudantado de educación secundaria e bacharelato, aínda que algunhas delas xa poden ser empregadas en primaria.

Velaquí os filmes en que se basean:

1. GIRLHOOD (Bande de filles,  Céline Sciamma, 2014) Dirixido pola cineasta francesa Céline Sciamma, o filme relata a vida de Marieme, unha moza afrodescendente da banlieue parisiense que cada día ten que superar diferentes formas de violencia por cuestión de xénero, orixe e clase social. O contacto cun grupo de mozas das que axiña se fai íntima amiga, condicionará e reforzará a súa identidade, crecemento e seguridade en si mesma.

Contidos e valores - Educación en igualdade. Respecto á diferenza e diversidade. Contextualización social do relato —características e historia da banlieue—. Educación corporal. Defensa da amizade e o compañeirismo. Usos da música no cinema.

2. SUFRAXISTAS (Sufragette, Sarah Gavron, 2015) A cineasta británica Sarah Gavron deslumbrou ao público de todo o mundo cunha obra que ofrecía por vez primeira imaxe cinematográfica ao movemento sufraxista. Acompañado dun elenco excepcional, que combina o descubrimento da talentosa Carey Mulligan e a experiencia de Meryl Streep, Sufraxistas ofrece un achegamento ameno e apaixonante a un proceso de loita clave no avance dos dereitos da muller.

Contidos e valores - Estudo do movemento feminista. Roles sociais da muller presentes no filme e maneiras de transgredilos. Demandas das protagonistas que seguen vixentes na sociedade actual (fenda salarial, violencia de xénero, etc.). Exemplos de renuncias individuais a prol do ben común. Análise de textos históricos sufraxistas que fomentan a aprendizaxe do inglés.

3. TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO (Xiana do Teixeiro, 2018) A directora lucense Xiana do Teixeiro concita e rexistra o encontro de diferentes grupos de mulleres a falar sobre a inseguridade na rúa, as violencias que sofren por cuestión de xénero e a xestión dos corpos no espazo público. Un documental que non pode estar de maior actualidade e que culmina cun debate real co alumnado dun instituto ourensán.

Contidos e valores Rexeitamento de calquera xeito de expresión da violencia de xénero. Posta en valor do debate e o intercambio de ideas como mecanismo de aprendizaxe social. A mirada documental e o Novo Cinema Galego. Uso da cor e o branco e negro. Muller e cinema.

4. A MULLER DA MONTAÑA (Kona fer í stríð, Benedikt Erlingsson, 2018) A comedia máis irreverente e a defensa do medio natural danse a man nunha das últimas alfaias da talentosa xeración de cineastas islandeses. Halla é unha muller que declara a guerra á industria local do aluminio a través de diferentes actos de sabotaxe contra a infraestrutura eléctrica co fin de protexer as fermosas Terras Altas deste paraíso volcánico.

Contidos e valores - As consecuencias da industrialización no medio ambiente (quentamento global) e mecanismos para combatelo (reciclaxe, hábitos de consumo sostibles). Aproximación ética e xurídica ao concepto da desobediencia civil (Ghandi, Mandela). Estudo da natureza e orografía de Islandia. Aproximación ás teorías brechtianas do distanciamento crítico desenvolvidas polo filme.

5. LOS HONGOS (Óscar Ruíz Navia, 2014) Viaxe polas rúas da cidade colombiana de Cali na compaña de Ras e Calvin, dous adolescentes apaixonados do graffiti, o hip-hop e outras expresións da cultura urbana. A emocionante convivencia de Ras coa súa avoa e a fonda amizade entre ambos completan a paisaxe social e emocional do filme.

Contidos e valores - O vínculo e intercambio interxeracional coas persoas maiores. Posta en valor do graffiti e a Street Art. Estudo alternativo das fontes históricas. Fomento dun uso responsábel das TIC. Competencias cívicas e diversidade cultural. Os movementos de cámara: travelling e panorámica.