Volver

FALAREDES 2021

Pelos na lingua

  • Pelos na lingua. Detalle do cartel

    Pelos na lingua. Detalle do cartel

Talía Teatro volve ao FalaRedes, desta volta cunha comedia, un divertido espectáculo-collage para público a partir de 12 anos que fala da situación que atravesa a lingua galega e que está destinada a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto aos idiomas: aos galegofalantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que tanto lles ten que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua.

Tras 10 anos en cartel, máis de 150 funcións ás súas costas e premios como o María Casares ao mellor texto orixinal ou o Max ao mellor texto teatral en lingua galega, esta peza interpretada por María Ordóñez, Artur Trillo e Toño Casais continúa sendo de rabiosa actualidade e tendo moito que dicirnos aos galegos e galegas: en esencia, que o galego non é unha lingua do pasado, senón unha lingua moderna acorde aos tempos que corren.

Os concellos da Rede de Dinamización Lingüística que recibirán Pelos na lingua son Soutomaior, Barreiros, Toén, Mondoñedo e Celanova.

 

       Axenda de FalaRedes 2021. Pelos na lingua
Data e hora Lugar Concello Provincia
Domingo 10 de outubro, ás 19:00 horasCentro Sociocultural de San Cosme de Barreiros Barreiros Lugo
Luns 18 de outubro, ás 19:00 horasAuditorio Pascual Veiga Mondoñedo Lugo
Sábado 30 de outubro, ás 20:00 horasAuditorio Ilduara Celanova Ourense
Domingo, 31 de outubro ás 19:00 horasCasa da Cultura de Moreiras Toén Ourense
Domingo 7 de novembro, ás 20:00 horasAuditorio do Edificio Multiúsos de Arcade Soutomaior Pontevedra