FalaRedes 2012

Deu comezo FalaRedes, o novo programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística. FalaRedes levarase adiante en 100 localidades en que se radican outras tantas entidades pertencentes á RDL. Consta de 250 sesións.

 

  • Galego de cine. Unha pequena caravana percorrerá as localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística proxectando curtas de animación en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Estes terán ocasión de participar, posteriormente, nunha serie de actividades que lles permitirán ter un papel activo no seu achegamento ao cinema na nosa lingua. Os resultados deste traballo poden verse na canle de Youtube Galego de Cine. Cando finalice a viaxe da caravana polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD O soldadiño de Chumbo.
  • Titerehop. Artes plásticas e música únense neste obradoiro dirixido a adolescentes de 13 a 18 anos e centrado na cultura hip-hop. Titerehop contará coa participación do do rapeiro García e mais dos monicrequeiros de Viravolta. Pódese ver o resultado en www.titerehop.wordpress.com.
  • O señor das dunas. Velaquí un espectáculo dirixido a todos os públicos, dende os nenos e as súas familias ata os máis vellos da casa. Baseado na literatura oral galega, este contacontos compleméntase coa ilustración en directo do relato feita con area. Os asistentes recibirán como agasallo un libriño cos contos que escoitaron. Tamén podedes acceder ao documento Contos arredor do microondas, con estratexias e reflexións para seguir contando na casa.
  • FalaRedes responde a obxectivos emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, nomeadamente aos seguintes:

    • Crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos.
    • Reforzar o uso do galego entre os galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona.