FalaRedes 2013

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por segunda vez o programa de dinamización lingüística FalaRedes, con actividades para os máis novos da casa que se desenvolverán en concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Deste xeito, complementa as iniciativas de promoción do galego que contén a propia planificación da RDL para o ano 2013 e que inclúe actividades para a promoción do galego entre a mocidade, no ámbito do deporte ou durante as festas do Nadal, entre outras.

FalaRedes pretende crear espazos de uso e de aprendizaxe en galego ligados ao lecer e á cultura máis actual para unir a imaxe da lingua galega aos valores positivos da sociedade moderna. O obxectivo último é reforzar o uso do galego entre galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia e mais ocasións de interacción en galego aos nenos e mozos de orixe castelanófona.

FalaRedes contará con cinco actividades diferentes que se despregarán, con máis de 100 actuacións, por diferentes concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.

 

  • Acuario. Con esta divertida peza teatral baseada no poemario Acuario, da coñecida escritora e presentadora de televisión María Canosa, os nenos de 5 a 8 anos coñecerán os peixes das nosas rías e peixarías e mais os seus nomes. Encargaranse da posta en escena a propia María Canosa e Teatro dos Ghazafellos. Grandes profesionais para xente miúda. O obxectivo de Acuario é que os máis pequenos da casa se acheguen á poesía en lingua galega á vez que aprenden os nomes dos peixes e descobren a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Todo isto faise dun xeito ameno e divertido grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva.
    A proposta conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e tamén co da Deputación da Coruña no caso da itinerancia prevista para a actividade nesta provincia.
     
  • Augalingua. Este verán, os nenos e nenas de 6 a 12 anos de 16 concellos galegos poderán pasar unha tarde de diversión na piscina ou na praia fluvial cos monitores de Reverso, encargados de unir xogos de lingua con outros de rapidez e de habilidade. Unha xornada refrescante para empaparse de auga e de palabras!


  • Rosalía pequeniña. A compositora e cantante Uxía e o músico Sérgio Tannus achegaranlles a obra de Rosalía de Castro aos nenos e nenas galegos no 150º aniversario da publicación da súa obra Cantares gallegos, coa que se iniciou o Rexurdimento da lingua galega no século XIX. A ritmo de muiñeira, de blues ou de rock os nenos e nenas de 6 a 11 anos gozarán coas súas familias dun concerto divertido de alta calidade artística e aprenderán cancións en galego para cantaren xuntos na casa, no coche, no parque...Haberá sesións de Rosalía pequeniña en 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística. O calendario irase actualizando coas datas e lugares de celebración.
  •  

  • A nena e o grilo nun barquiño.Este musical para toda a familia con cancións de Magín Blanco dálle continuidade á historia A nena e o grilo que percorreu os concellos galegos hai tres anos da man do programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística Bocaberta.Nesta ocasión, a nena e mais o grilo van emprender unha viaxe que lles permitirá descubrir, a canda o mundo e as súas aventuras, o seu propio mundo interior. A solidariedade, o respecto á natureza, a identidade… son algúns dos valores que se transmiten tanto a través das peripecias dos personaxes coma das poéticas cancións que as acompañan, cancións en galego para seguir lembrando e cantando moito tempo despois de que caia o pano.

     
  • As pombas de Carboeiro.As pombas de Carboeiro é un espectáculo teatral da compañía Fantoches Baj deseñado para levarse a cabo en colaboración cunha banda de música que interpretará as pezas para acompañar os actores durante a representación. Daquela, a actividade ten dúas partes: na primeira, unha banda municipal non-profesional e con predominio de integrantes novos recibirá as partituras compostas por Benxamín Otero e prepararaas para despois ensaialas coa compañía teatral; a segunda parte será a representación teatral con acompañamento musical propiamente dito, un espectáculo pensado para público a partir dos 12 anos.
    Deste xeito, e achegándonos á xente moza a través dos seus intereses e afeccións musicais, búscase implicar a poboación adolescente no desenvolvemento dunha actividade en lingua galega que poderá gozar o resto dos habitantes do seu concello.
  •